DIARIO DE AURIA | O |

10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Allariz está de boi, ou sexa, que Allariz está de festa, de gozo, de vida en tecnicolor. Allariz é o modelo que debera seguir está país, e non Nigrán, a especulación urbana, o asalto á razón e a razón do máis forte. Allariz segue a ser esperanza. Por un principal motivo: porque o que fixo o Allariz grande é agora vicepresidente da Xunta nosa e, polo tanto, está capacitado para facer allarices nas aristas todas deste país emerxente. Allariz é, pois, futuro. E como é futuro mira cara atrás para ser e sentirse, definirse. O Boi é historia, somos Nós, con maiúsculas, como quería aquela Xeración libertaria e intelixente que naceu nas beiras das Burgas. Mirarse en Allariz é verse no espello de Alicia no País das Marabillas. Entrar no mundo dos gatos brancos, das flores vivas, das rosas, da bandeira azul e da lingua con sabor a marmaña. Un admira Allariz porque Allariz é a sustentabilidade, a ecoloxía, a efervescencia da emoción, o río que nos traspasa, o río que son mil, aqueles dos que falaba o mestre Álvaro Cunqueiro mentres Merlín inventaba maxias na selva de Esmelle. Allariz é Marcial Suárez, o acomodador que acomodaba soños. Allariz é, para o meu corazón, os camaradas que compartían a fe que comparto aínda, no albor da canción protesta e da protesta que quere ser canción: esa libre conciencia que nos fai mellores. Allariz é o meu Tino Fandiño, que o quero e hei de querer mentres o mar sexa mar e o sol poña, como améndoas, bicos de luz no viño compartido. É Allariz o mellor conselleiro que deu a historia da democracia, sen matices: Alfredo Suárez Canal. Allariz é o verso que non sei escribir e talvez sexa esta columna de domingo, tan de estima, tan de ámote, pedra, país, terra. É Allariz o boi. En nel estamos. Calquera tarde andarei de novo pola vila amada. Tino acariñará a miña alma como tantas veces. E serei feliz. En Allariz, precisamente.