ANACOS | O |

09 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

EN Boborás, nas terras de Moldes que aínda gardan a memoria de persoeiros como Antón Losada Diéguez ou Manuel Chamoso Lamas e que incorporan novos veciños como José Luis Cuerda, están hoxe de festa. No pazo que conserva as pegadas de Losada, como cada ano desde hai vinteún alá por arredor do santo do homenaxeado, faise entrega dos premios que levan o seu nome e que nesta primavera chegan con arrecendo especial a amistade, recoñecemento e xustiza. O patio esceario de moitos dos encontros dos homes da Xeracións Nós acolle este ano unha festa senlleira que se vai escribir en nome dos seus protagonistas e dos proxectos de futuro. A Moldes, ó seo dunha familia que sempre lle tivo estima e lei, acode Méndez Ferrín para recoller un premio que mantén unha especial relación co autor máis recoñecido da literatura galega. En 1992 e 1996, por Arraianos e Estirpe, Ferrín xa foi galardoado co Losada Diéguez de creación literaria. E os que alí estiveron foron testigos das palabras dun home que non deixa indiferente e que, como o arxón das cepas dos arredores, se mantén firme no compromiso e na creación. Na súa compaña estará Manuel Ferreiro para recibir o recoñecemento por un traballo que se ten convertido en referente no panorama literario galego: a edición de Os Eoas. Xunto a Ferrín e Ferreiro estará este ano de manteñedor un vello compañeiro do autor de Con pólvora e magnolias: Xosé Manuel Beiras. Os dous vellos amigos coincidirán en Moldes na nova etapa do político e coa honra á obra que nos trouxo outravolta ó Ferrín poeta logo dunha década de silenzo. E para unha ocasión tan singular unha nova por moito tempo agardada: o próximo nacemento da fundación que levará o nome de Losada Diéguez e que é froito de máis dunha década de esforzos e traballos desenvolvidos pola herdeira do seu legado: Mercedes Losada.