DIARIO DE AURIA | O |
27 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.IGNORO se o título desta columna fai referencia á décima edición da Convivencia de Educación Infantil ou, a maiores, é a calificación que a cidadanía e as autoridades deben adxuntar a tal evento. Xa van dez edicións dun acontecemento único en Galicia, paradigmático, intelixente, e de rotundo impacto educativo e cultural. Que un grupo de mestres se puxeran hai anos á fronte desta convivencia di moito do colectivo educativo da provincia ourensá. Engrandece esta profesión devaluada, desprestixiada. Ser mestre, hoxe, é irrelevante. Sen embargo é preciso levantar a bandeira e a autoestima desta profesión constantemente desestimada. Unha iniciativa como esta engrandece a provincia e debe engrandecer ás autoridades educativas. Somos, Ourense, un pozo de talento. E digo pozo con pleno sentido do substantivo. Pozo: porque somos incapaces de saír. Pozo: porque Cholo e Nela, os protagonistas desta convivencia, son un invento tan orixinal e pedagóxico que dá vergoña que só actúen en Ourense. Pozo: porque ninguén parece mirar por nós. Polo tanto, convén que a Administración practique chovinismo e, se queren, provincianismo: apostar polas ideas propiciadas en Ourense. Hai que exportar a Cholo e Nela, hai que darlles valor e uso educativo dentro da Consellería, da Televisión Pública Galega, das publicacións didácticas e materiais escolares. Ten Ourense, grazas ao labor decidido dun grupo de profesionais (mestres e mestras) un patrimonio inmenso. Se en Santiago contasen máis co talento desta provincia, talvez propiciado en tantos anos de penuria, a educación mudaría con usos e costumes sabios. Aquí, en Cholo e Nela, residen os soños de centos de nenos de Ourense. Se en Santiago contamos, que talvez contemos, Cholo e Nela deben converterse nun bastión culturizador e galeguizador tan ou máis importante que as galescolas que apoio e defendo. Dixen.