DIARIO DE AURIA | O |
06 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A CIDADANÍA, que é unha entelequia informe, descubriu nestes últimos tempos un novo significado para o sintagma BIC. Os da miña xeración, que celebramos vintecinco aniversario (de clausura de estudios en Salesianos), só identificamos BIC cun bolígrafo velocísimo que nos servía para examinarnos de físicas, literaturas e matemáticas. Agora BIC significa tamén Ben de Interese Cultural e andamos co tal palabroto de boca en boca, rizándonos a saúde mental entre entre decretos e xulgados. Sentidiño. A política precisa do sentidiño dos maiores, eses que o inserso pasea de Mallorca en Mallorca pasando por Benidorm: tan sabios, os vellos. Non se me pasa pola cabeza que alguén pretenda actuar contra os símbolos dunha cidade. Nin tampouco que os BIC sexan manobras políticas. Non creo, polo tanto, que o Partido Popular estea en contra dos pendóns (estandartes, digo) da nosa provincia nin creo que as declaracións BIC se organicen en contra de ninguén, senón todo o contrario. Polo tanto, diante do espectáculo que dende hai meses protagonizan uns e outros conviría, creo, sentar e achegar posturas. Dialogar, consensuar, concertar e non dirimir en xudicaturas varias os procesos que afectan ao noso prestixio, imaxe e condición de cidade linda. Reclamo, pois, que se miren aos ollos. Sen xuíces polo medio. Sen cámaras nin taquígrafos. Exercendo unicamente como representantes nosos. Porque, señores de aquí e de acolá, políticos todos, semella que non podemos entendernos nin nas cuestións básicas que nos afectan. Porque, reitero, a ninguén se lle pode ocorrer ferir As Burgas. Son parte de Nós. Son o vento ceibe da Esmorga blancoamoriana, a fervenza cálida de Valente, o humus rigoroso de Otero Pedrayo, son Quesada, Los Suaves, Adolfo Domínguez, Verino e o festival de cine. Son o que nos proxecta, protexe, canta. Son o bolígrafo que nos pinta, corazón. Bic, bic, bic...