DIARIO DE AURIA | O |

04 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ESCRIBO dende o territorio da alma. Por casualidade. Como unha chuvia que sorprende os teus ollos en medio do inverno, grata, lenta, suave. Falo dende a sensibilidade, o bolero, a maxia da pintura voando estas letras de domingo. Por casualidade. Entro na Casa do Escudo de Verín e encontro a exposición de Rojas. Fala (a pintura fala) do entroido. Pérdome nela observando con cautela os cigarróns que queren saír do cadro para bailar comigo unha tarde, agarrados do brazo, ou das entrañas. Son pinturas que debes ver, mirar: e elas han tamén de ver, mirarte. Sorpréndeme a súa cor como un poema colgado das paredes desta Casa máxica do máxico Verín. En tempo de entroido a miña tribo transfórmase. É outra. Nótase nas cañas e nos viños: cada vez máis excelsos estes de Monterrei. Nótase nos ollos que flotan mirando para outro lado: as máscaras, a fariña, os cigarróns. Este ano chegaron antes. Onte conquistando as rúas frías do frío Madrid. Hoxe, e ata o día 15, colgadas as miradas do meu carnaval na Casa do Escudo. Reitero o nome: Rojas. Se observas os seus cadros descobres que esta muller pinta dende a nostalxia, ou dende a melancolía, que é o único lugar onde a arte é posible. Non hai impostura, nin mentira: pintura directa ao corazón. É, a súa exposición, un regalo máis neste tempo de entroido. É a terra. A recuperación dos soños pintados. O pasado. A memoria. O eterno. Ezra Pound escribiuno de modo categórico: o que amas perdura. Na arte de Rojas perdura o carnaval de Verín: que é un estado de ánimo. Polo tanto perdura a felicidade, ou sexa, a infancia. Mirar con ollos de neno esta exposición axuda a vivir. Mirar con ollos de nena a vida, o inverno, o carnaval de Verín: así pinta Rojas. Eu, se fose ti, correría á Casa do Escudo da miña tribo. Para recrearte, revivirte, sentirte. Humano, demasiado humano. Dende o territorio da alma, corazón.