A raia homenaxea a Méndez Ferrín

La Voz X. M. R. | OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

O autor de «Arraianos» foi recoñecido nun acto institucional en Muíños polo seu vencello coa comarca O escritor visitou o pobo abandoado de Salgueiro, no parque do Xurés

14 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?s terras da raia e do Couto Mixto son espazos míticos cheos de historias e lendas, de contrabando e fuxidos, de invernía e lobos correndo polas serras. E se a raia ten un escritor de seu, co que se identifica e a quen rende homenaxe é a un dos seus, ó que coñece os seus lugares coma ningún por cumprir unha das súas máximas -«as terras como se coñecen ben é percorréndoas a pe ou en cabalo»- ese é Xosé Luís Méndez Ferrín. O autor do libro que atesoura en dez relatos curtos a maxia destas terras fronteirizas, Arraianos, foi homenaxeado onte en Muíños co bó pretexto de entregarlle o Dolmen de Prata, un galardón que agardaba por Ferrín desde o verán de 1992. E o escritor aproveitou a ocasión para percorrer os lugares que garda na súa memoria e para amosar unha vez máis que, por riba de todo, é un inigualable conversador e contador de historias. Pasado o mediodía chegaba Ferrín a Muíños e logo de saudar ó alcalde é á corporación municipal lembraba as súas vivencias na raia. Lembrou cando visitara o vello Concello de Muíños -hoxe Casa da Cultura- acompañado polo escritor portugués Bento da Cruz, interesouse polos fondos da biblioteca municipal e pola orixe dos nomes dos dolmens de Muíños. Parque natural A comitiva municipal e o homenaxeado, cun anfitrión de excepción como Xosé Benito Reza, partiron logo cara ó pobo abandoado de Salgueiro, no parque natural do Xurés. Neste conxunto mercado no seu día pola Xunta, é que está pendente dun proxecto de recuperación, Ferrín coñeceu as historias dos carboeiros que o poboaron, dos ferreiros, dos contrabandistas que tiñan bestas amansadas para percorrer os camiños da montaña e cruzar a fronteira ca mercadoría sen ter que acompañalas e xogarse o pelexo. Só faltaron as estrelas do parque, as cabras ceibadas no seu día por Medio Ambiente, máis o escritor -que foi mesturando na súa estadía en Salgueiro a lembranza dos nomes dos picos e dos cotos da comarca, xunto coa chamada de atención para manter o legado histórico de oficios como os artesáns que facían os tellados de colmo «queda un en Queruás e hai que gravalo antes de que desapareza para sempre o oficio»- tomou boa nota por donde se vai á paraxe donde se poden contemplar. E de Salgueiro a homenaxe trasladouse a Lobios, donde no xantar organizado polo Concello de Muíños o escritor -que lle lembrou á súa dona Moncha que «estas son terras de fartura»- fixo memoria do vello Lusitano, o restaurante donde se celebrou a comida de homenaxe, da precariedade das comunicacións do pasado século pola comarca ou do anacronismo da denominación Baixa Limia para «o que toda a vida foi o Val do Limia».