En directo | De esmorga por Ourense Un ano máis diversos colectivos sociais e culturais da cidade lembraron a novela de Blanco Amor facendo o percorrido por oito lugares de Auria que aparecen na obra
10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Pasaban dez minutos das sete do serán cando comezaba unha nova edición anual do Roteiro da Esmorga. Unhas sesenta persoas seguiron as oito paradas do itinerario literario con verdadeiro gusto pola novela e por sentila desde oito puntos onde transcorren os feitos. Teresa Devesa foi a primeira en ler pero este ano houbo dúas novidades. A primeira, ben agradecida, consiste en que antes de que cada lector poña voz a un treito da novela, faise unha contextualización da obra segundo o sitio onde nos atopemos. Desto encargouse Delfín Caseiro. A segunda novidade é a da colaboración, co Liceo, da Cruz Vermella, Casa da Xuventude, Comité Antisida, Foro da Muller, Adega, colectivos deportivos e a Biblioteca da Deputación, onde están os escritos orixinais de Blanco Amor. A comitiva foi avanzando, do Posío, onde estaba a taberna da tía Esquilacha, ao pé das Burgas, debaixo da ponte. Alí agardaba Alfonso Vázquez Monxardín cunha botella de licor café e outra de herbas. Máis historias do Bocas e do Milhomes na noite ourensá, que chegan ás Burgas pola beira do Barbaña. Juanjo Rodicio, da Casa da Xuventude, contouno. Os participantes enchían as rúas vellas sorprendendo a outros. Logo veu a praza de san Cosme atravesando a rúa dos faroliños vermellos. María Antonia Rilo puxo voz á historia dos protagonistas, que van ao pazo do castelo e despois, no calexón de Pena Vixía, certamente un dos recunchos máis fermosos do percorrido literario, acordan separarse por orde do Bocas. Na noite da novela estes persoaxes van onde prostitutas, como a Nonó, e mentras, a comitiva do roteiro seguía ata O Correxidor para logo baixar cara a Fonte do Rei e o Liceo, onde houbo un viño para todos. Alí ían xentes que coñecen ben a novela e outras non tanto pero que amosan seu interese por ela aínda que sexa escoitando anacos lidos a pé de linterna. É un reclamo para unha cidade culta que durante o ano atrae a máis xente da que se pensa. «Veñen colexios de toda Galicia e tamén os visitantes que a traverso da oficina de turismo fan a ruta. A cousa segue a ter repercusión porque unha revista galega dedicaralle un capítulo ao Roteiro da Esmorga», sinalou Marcos Valcárcel, un dos promotores deste paseo literario pola cidade de sempre.