ANACOS | O |
09 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.POR veces a historia é unha dama inxusta e fera que non sabe de emocións, de sentimentos, de utopías, de historias cómplices e fermosas. E as liñas tortas da vida non deixan pasar unha luz que se fai inmensa conforme se vai apagando a vida e o corpo non atende ás ordes dunha mente privilexiada e sinxela, coa sinxeleza e a humildade dos que están dotados polo coñecemento e o inxenio. Nunha rúa de París vive unha muller inmensa e doce, exquisita e fermosa que ten agochadas nos socalcos da súa memoria as máis engaiolantes historias. Aurora Bernández é do clan dos xamoneiros, das xentes de Dacón e do Lago -donde o seu abó foi alcalde e donde aínda se pode ver unha praca de mármore na súa memoria no lateral dereito da igrexa que axudou a erguer-, da estirpe dos Valeiras emigrados a Vigo para facerse empresarios e conserveiros. Aurora Bernárdez é a muller que cando comezou na escola en Bos Aires era obxecto de burla porque os nenos, cando queren, son como son e ela só falaba galego. E foi a muller que namorou a Cortazar, a que o asesorou e orientou a súa carreira, a que lle correxiu, suxeriu e ate a que deixou as súas pegadas en obras maxistrais como «Rayuela». A que sofriu o desamor e o abandono, a que se labrou un recoñecemento unánime como traductora, a que conservou a memoria do seu amor polas historias de cronopios e á que Cortazar chamou para que o acompañara na morte e mantivera o seu legado. Aurora é toda maxia e dozura, unha muller de 85 anos que lembra ós seus irmáns -o escritor Paco Luis Bernárdez e a Mario-, que se desfai cada vez que colle o teléfono -«aquí está su casa para lo que necesite. Me gustaría volver a Dacón porque ya no lo recuerdo pero es mi vida y la de los míos»- e que ven de doar os fondos audiovisuais de Cortazar a Galicia. Coa súa elegancia innata.