Máis Allariz

ARTURO R. VISPO

OURENSE

AIRES DO ARNOIA | O |

17 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

FOI DOS meirandes erros, pois hainos, nas políticas bloqueiras dos derradeiros quince anos. A historia de Allariz. A recuperación etnográfica e maila restauración monumental da vila non se acompañaron pola ollada retrospectiva, pola reivindicación histórica dun pasado protagonista en España e Galiza dende hai centos de anos. Un dos meirandes erros, pois non é posíbel, nin crible, falar do nacionalismo sen pegadas do máis onte. E coma máis vale tarde cunha mula que non cargue, benvida sexa a decisión do Concello, do licenciado García, e grazas ó traballo dos sucesivos concelleiros de cultura, Antonio Blanco, Pilar Gallego e Teresa Devesa, pola protección do patrimonio inmaterial da vila, que é a súa excepcional historia, coa creación dun centro de interpretación da Idade Media. Pois Allariz é moito, non só castro romano, non só granxa sueva, invisíbel castelo de Afonso III, esvaecida aljama dos xudeus, que tamén foi Foro de Afonso VII, exemplo de convivencia pra aldeas e cidades, e vila e corte románica que glosaron Puga Brau e Cid Rumbao; berce, instrucción e refuxio de reis e raíñas, Fernando II, dona Urraca e dona Tareixa de Portugal, de Afonso IX, do rei Sabio, do rei Santo, de Sancho IV; cadaleito da raíña Violante e dos infantes Felipe e Margarida de la Cerda; os condes de Benavente e as revoltas irmandiñas; teito de intelectuais, os padres Feijoo y de la Gándara, frei Antonio de Remesal, por non falar dos de hoxe e de recentes anos; lendas e realidades de Santa Mariña de Augas Santas e a crónica negra do lobishom" Romasanta; a desfeita gavacha de 1809... e tanto máis. Parabéns pra todos, pra tódala veciñanza alaricana. Mais non esqueza licenciado García, señor alcalde, que aló no invisíbel castelo, no cumio do Penedo da Vela, aínda falta unha lembranza, unha torre en cristal ou ferro, un lume que relampe na noitiña, un pendón do medievo...