DIARIO DE AURIA | O |
15 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.MENTRES uns discuten pola conveniencia ou inconveniencia de certos substantivos, mentres Rajoy parece un docto lingüísta e Zapatero o príncipe da semántica, aquí, en Auria, e alá, en España enteira, o transporte vai paralizar completamente o país. Os políticos, que son políticos para resolver as necesidades da cidadanía, andan á súa bola. Este parece un país de risa. Con algúns comentaristas de radio afirmando que se separa España, crucificando a uns e outros, vendo fantasmas, ensalzando esta ou aquela bandeira. Con goberno e oposición mareando a perdiz dos verbos. Coa administración resolvendo problemas que só existen entre eles e non entre os cidadáns: ¿acaso está crispada a sociedade por culpa do Estatut? A sociedade está de uñas porque vai quedar sen suministro nos supermercados, nas farmacias, nas empresas. País esperpéntico. Valleinclanesco: deformado no Canellón do gato, ridículo. A Rajoy e a Zapatero había que velos na pel de todos os que tremen estes días polas perdas ás que se van ver sometidos. Había que velos dialogar cos piquetes. Ou cos usuarios do transporte. Pasamos o tempo dialogando sobre o inútil e esquecemos o prioritario: dialogar para solventar, conseguir, mellorar. Eficacia e solucións, din a miúdo as propagandas electorais. Nin unha cousa nin a outra. O do transporte é algo que se vía chegar dende hai meses: petróleo polas nubes. E o goberno e a oposición discutindo sobre o sexo do Estatut. Baixen á rúa. De verdade. Non só para dar a man. Baixen a rúa para ver qué é o que nos preocupa. En Ourense e en Galicia: que suba o gas e que nos falte a comida, verbigracia. Pero sigan vostedes coa súa particular discusión bizantina. Continúen no limbo. Porque a este paso, entre o goberno e oposición, os votantes imos votar polo máis seguro: que gobernen os abstencionistas, que non baixan nunca do trinta por cento. Eles sí que saben.