DIARIO DE AURIA | O |
08 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.QUE me expliquen por qué o Pesoe e o Benegá non pode entrevistarse, na cuestión de Santa Cruz de Arrabaldo, co goberno do Pesoe e do Benegá. Absurdo. Incluso máis: hai sete días o goberno da Xunta non estaba na manifestación contra os incendios. Estaban membros varios nacionalistas e socialistas, pero da Xunta, ou sexa, da Cousa que nos goberna, nada. Nin conselleiro de Medio Rural, nin de Medio Ambiente... nin delegados, directores e outros prebostes da burocracia principal. Chegará un momento en que os gobernos gobernen para si mesmos, é dicir, nunha burbulla tipo Michael Jackson: sen ter en conta quen os elixe, e para qué os elixe. Cando un partido goberna, de contado, como o efecto Paulov, esquécese daqueles que o votaron e por qué o votaron. Porque aquí, entre outras cousas, votamos Pesoe e Benegá para que non existise un divorcio entre a cidadanía e a Administración. E vai ser que o divorcio continúa. Porque quixera saber, e que alguén me explicase, por qué se crean estas dicotomías: cando somos opositores facemos isto, e cando gobernamos non o facemos. A Xunta, que é a miña Xunta, a Xunta do cambio, ten a obriga de estar na rúa. Non dando a man, ou paseando, ou de acto en acto. Ten que estar cos administrados, "el pueblo" (esa demagoxia), cando os administrados reclaman: contra o lume ou contra unha estrada mal deseñada. Iso é facer país. Un país de progreso e en progreso. O demais é simple burocracia. E para a burocracia non é preciso que tantos miles de galegos estivéramos dezaseis anos gritando nunca máis. Que reclamásemos liberdade, que se nos partise a alma con cidades da cultura, familias prominentes, acarrexos, baltares e cacharros e oposicións. Queremos unha Xunta nosa, que estea con Nós: os galegos. No DOG, pero tamén na rúa. Na Praza Maior e en Santa Cruz. Porque iso é facer cambio. O resto son palabras, nada máis.