ANACOS | O |
30 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.UN episodio que diu moito que falar nos últimos anos por estes lugares foi o da famosa guerra das bandeiras. Acontecía daquela en Euskadi e como que poñía a moita xente algo alelada -nisto dos extremos pasa como nos sentimentos, que non hai medida e os acontecementos acaban derivando en feitos irreparables-. Desta volta parece que en Galicia imos camiño de contar cunha particular guerriña das bandeiras por mor da decisión dos nacionalistas de retirar a bandeira española dos actos de toma de posesión dos seus delegados. O resultado é obvio: os do PP cargan contra todo o que se move e piden responsabilidades -ós do BNG por autores da traxedia e ós do PSOE por consentimento e connivencia cos nacionalistas-. Quintana basou a súa campaña das autonómicas nuns cantos argumentos fundamentais, e un deles era un novo marco estatutario para Galicia. Algo do que acontece agora era lóxico que sucedera unha vez que os nacionalistas chegan ó poder. O que non é menos certo, e tamén por obvio, é que non deixa en moi bó lugar a quen goberna o feito de non cumprir coa legalidade vixente. Sobre todo se temos en conta que no futuro esas persoas serán quen demanden dos administrados o cumprimento da lei. Aínda que non serei eu quen lle quite ferro ó asunto, si que semella ás veces un pasatempo interesado para desviar a atención doutros asuntos de vital importancia, que parece que a ninguén lle interesa tocar ¿é a guerra das bandeiras máis importante que a decisión dos socialistas de claudicar ante o ensino privado e seguir mantendo o actual estatus destes centros? ¿ou que o feito de que se conte cunha conselleira que habita nunha casa construida de forma ilegal e que ten orde de derribo, sen executar, desde o ano 2000? ¿ou que os presupostos, que crecen faltaría máis, nos sigan deixando á cabeza do terceiro mundo? Será por bandeiras.