Patrimonio

La Voz

OURENSE

ANACOS XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ | O |

20 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CON permiso de Palencia, esta pasa por ser a provincia co patrimonio máis rico e numeroso do Estado. O que pasa é que non caeu boa marea para os patrimonios ourensanos. Algúns andan cheos de «desposiciones», que así lle din os relixiosos para non ofender ó público asistente, por mor das pombas e non deixamos de cavilar en como se pode resolver o asunto sen recurrir ó instinto xenocida avícola. Outros, patrimonios claro, están cheos de ceros e semellan ser a envexa duns e a cobiza doutros por aquilo de coñecer a súa procedencia e natureza. Isto último faille doer a cabeza a Cabezas, e non é para menos. Cando pase esta treboada -que vai ter corda para rato e que moitos se van encargar de engrasar para que as cousas queden perfectamente claras, como non pode ser menos tratándose dun cargo público- sería moi interesante que os políticos ourensáns puxesen a disposición dos seus electores o seu patrimonio. Ben entendido que para consulta do mesmo, non para beneficio dos administrados. Dese exercicio de transparencia tiraríanse moitas sorpresas en relación á habilidade inversora de moitos alcaldes, diputados, senadores e conselleiros. A realidade superaría á mellor historia.