DIARIO DE AURIA | O |
16 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.UNS amigos teñen unha filla na Brilat. Onte, ao saber a noticia, chameinos de contado. Tamara non estaba este mes en Afganistán. Pero podería estar, como o soldado de Cudeiro. Despois, no telexornal, contemplei o rostro de Bono e a súa voz lenta, como se estivera falando para individuos (os periodistas e España enteira) que non comprenden con plenitude os significados. Desconectei: por Bono, pero tamén porque me doe este país e as mil guerras «humanitarias» nas que estamos metidos. Dóeme que o rostro de Bono sexa unha rémora de tempos pasados: Bono é tan de dereitas como Aznar, como Zaplana. Cando lle preguntan se hai que desmilitarizar a Garda Civil el contesta que non, en contra do que diga o Pesoe e en contra do que diga a sociedade. Eu teño lágrimas, outra vez, por esta provincia. Pola familia de Cudeiro que chora. Pola tristeza que se encaracola no noso rostro de incendios e infortunio. E a Bono non quero escoitalo máis. Non quero oír motivos nin razóns. Afganistán e Irak son asuntos similares. Zapatero, que foi á ópera cando morreron once axentes forestais, hoxe interrompeu as súas vacacións. É o seu deber. Agora, e antes. O Pesoe en Afganistán equivócase. En Ourense, e en Galicia, lamentámolo. Profundamente, presidente.