DIARIO DE AURIA | O |
24 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.TIÑA a esperanza posta en ti, cariño, e ti tamén te vas. Como todas. Marchas do meu carón para abrigar a felicidade noutros brazos máis maduros, sensatos, correctos. Eu pensei que ti ías quedar, pitón, pero equivoqueime. En ti residía o futuro desta provincia. Xa estaba eu adiviñando os titulares dos periódicos: Ourense convertido no novo lago Ness. A serpe desaparecida convoca a miles de turistas. A economía de Ourense crece gracias ao misterio da pitón. Pero nada. Coa pitón deixaríamos de falar da política, e falaríamos de riqueza. Montaríamos un parque xurásico arredor da Finca Sevilla e serían miles os curiosos que, con pantalón curto e binoculares, sentarían en cadeiras observando o territorio na procura da pitón. Pero todo quedou en nada. Ela era o noso mellor plan de desenvolvemento. E gratuíto. Ela enchería de imaxinación a nosa enchida, e enferma, imaxinación: todos os desaparecidos caerían nas fauces da serpe. Misterio, intriga. Ourense nas televisións. Os políticos lendo libros de ofidios. Os periodistas buscando testemuñas. Sen ti, querida, vai ser difícil sobrevivir. Terei que acostumarme á túa ausencia, agardando outro circo: ese é o noso futuro. Xa eras como da familia. Te queríamos tanto, cariño...