DIARIO DE AURIA | O |
21 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.PASO diante do cartel da película «El hundimiento» mentres falo cun amigo triste. Eu dígolle que sempre nos quedará a luz da primavera (que é a luz do inverno, do outono, do verán). Despois roubo unha rosa nun xardín. Regálolla. El ri mentres afirma que, na eternidade, todos os seus problemas están resoltos. Gracias ao ataúde con neveira incorporada que presentan estes días en Expourense. El, coma min, prefire a bebida fría. ¿Que será a eternidade sen xelo, sen gintonic que nos alimente? Despois vou a un restaurante. Unha muller de ollos grandes chora. Eu quixera estar ao seu carón para limparlle as bágoas, para que non chorase nunca máis, para gritar no seu oído que só importan os segundos que nos abrazan, os bicos, o gozo de amar. Amar. Eu diríalle que sempre nos quedará París, que a ilusión é sempre un horizonte. Pero estou sentado noutra mesa bebendo viño e soñando. Son un tipo inclinado aos soños. Mellor me iría soñando menos. Poñendo os pés na terra. Pero a estes anos un non pode deixar de voar. Mirar a muller dos ollos grandes. Limparlle as lágrimas para sempre. Por maio. Pola primavera. Porque poden quitarnos todo. Pero sempre quedará, polo menos, unha rosa. (Y el hundimiento puede esperar. Te lo juro, chaval).