San Rosendo

MANUEL REGO NIETO

OURENSE

BALCÓN DE MOREIRAS | O |

01 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NESTA mañán de frío e vento, cando esto escribo, é San Rosendo, o Santo e Caudillo de Galicia. E hai que subir ata a vila de Celanova -como está mandado, Gregorio Álvarez Medela lémbramo- e fago na compaña daquelas verbas de Celso Emilio Ferreiro: «Celanova ten un vento/ Celanova un vento ten/. Un vento que bule e bule/ un vento que vai e ven». Denantes da Eucaristía, haberá que facer unha visita a Praza do Millo, o monumento do grande Buciños ó Santo de Galicia. Haberá que non beber auga do caño do norte, pois é ben sabido que pon a xente tola. Logo ó remate da misa haberá que entonar coa Coral Solpor que dirixe con maestría Arsenio Alonso Araujo: «Meu corazón cela vella / relámpagos de Celanova...». E xa, nestas marzas que xa non son, xantar na compaña do amigo Gregorio, pois o que canta xanta. E deixar ó vento que «bule e bule», ata o ano se Deus o quere. Amén.