TEMAS DO PAÍS | O |
05 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.LENDO a información sobre as obras a realizar no sul da Galiza que transmiten os medios, pensa un que algún día os cidadáns deste país tiñan que enfadarse pero en serio. Empezo por min mesmo que estou cabreado por ter que ler que Pérez Touriño promete axilizar as infraestructuras do sul de Galiza apartir do 2006. Non é para menos. O primeiro que habería que preguntarse é quen é el para facer tantas promesas. E, senón, fagamos contas. As autonómicas son no outubro do 2005. Se o PP volvese a gañar, ¿cales serían os poderes de Touriño? Se o Parlamento aproba un plan de obras para Galiza, mentres gobernan os populares en Madrid, e co cambio de partido no goberno o tal plan xa non é respaldado. E por se isto fora pouco, resulta que as promesas empezarían a efectivizarse a partir do 2006 e chegarían ata o 2012. ¿Quen gobernará daquela? ¿Quen terá o poder de decisión? Teño para min que no fondo do que se trata é de utilizar os medios de comunicación para facerse a permanente campaña publicitaria, cuestión para moitos políticos máis importante que o feito de que as obras se fagan ou non.