Entrevista | Elier Ojea Ureña DELEGADO DE POLÍTICA TERRITORIAL E EX COORDENADOR XERAL DO PP O carballiñés deixa a executiva do partido en Ourense logo de 21 anos de traballo e de participar en 22 das 27 campañas celebradas desde o ano 1977
21 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O congreso provincial do PP celebrado o pasado sábado tivo un claro e único vencedor: José Luis Baltar. E no extremo oposto todos coinciden en situar a un dos militantes que máis leva feito na «cociña» do partido nos últimos lustros: Elier Ojea. Hai catro anos Baltar prescindía do seu secretario xeral, Ojea, para promocionar a Carmen Leyte. O do Carballiño pasaba a ocupar o posto simbólico de coordenador xeral, quedando fóra da executiva feita por Baltar para o último congreso. -¿Como encaixou a súa saída da equipa de Baltar? -Nin ben nin mal. Tampouco é algo tan significativo, hai unha situación de cambio e unha renovación e entra dentro da lóxica. Outra consideración pode ser a valoración de como se fan as cousas, mais tampouco é tan importante. -¿É certo que se enterou de que se caía da executiva cando Baltar leu a lista? -Si. Cando hai unha relación persoal e humana durante catorce anos seguidos sempre é de agradecer que, si non contan contigo, que cho comenten antes de facelo público. Non teño nada contra a decisión, mais é de agradecer un certo comportamento e polo menos manter as formas e a cortesía. -Nunha entrevista en Radio Voz, logo do congreso, Baltar aseguró que vostede tiña prestado grandes servicios ao partido e que os ía seguir prestando. -Eu sigo sendo membro da executiva galega e como colaborador estarei para o que necesite a nova executiva. Os resultados que o PP consigue en Ourense sempre se lle asocian a unha executiva, pero todos sabemos que iso non é posible sen o gran traballo e o esforzo que fan tódolos militantes, simpatizantes e compañeiros. Non só traballan os da executiva, e obviamente aí vou estar eu para o que necesite o partido, diso non cabe dúbida. -Vostede empezou a súa carreira política no Carballiño. -Nas eleccións de 1983, aí comecei como concelleiro do Partido Popular. -E na executiva ¿desde cando? -Desde ese mesmo ano. Levo na executiva do PP desde 1983. Xa van alá 21 anos. Entrei como vicepresidente provincial cando presidía o partido o desaparecido Emilio Nogueira. -¿Que valora máis destos anos de traballo? -Desde 1977 houbo 27 campañas electorais, e eu estiven en 22. Ao final o que contan e o que quedan son os resultados e no congreso repartiuse un díptico no que se veía a evolución de voto ao PP, ata chegar a eses 132.600 votos que son o noso teito. Coido que iso é un refrexo do importante traballo desenvolvido. -¿O grande reto son as próximas autonómicas? -Sen dúbida. O partido está totalmente unido cun obxectivo claro: gañar as eleccións en octubro do 2005. -¿A delegación será agora o seu obxectivo preferente? -A consellería estase volcando con Ourense e hai un incremento importante en poxectos e volume de obra; xa está sendo agora e no 2005 moito máis. Entre iso e a executiva galega estarei máis que ocupado.