DIARIO DE AURIA | O |
03 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ANTÓN Riveiro Coello pertence á estirpe dos escritores grandes. Os que non confunden éxito e calidade literaria, os que non se agobian coa literatura banal que nos afoga, os imprescindibles. Hoxe homenaxéano en Baltar. Fillo predilecto. É un modo de dicir que te queren, Antón. No fondo escríbese para iso. Para ser queridos. Pero tamén se escribe, dicía Bufalino, para habitar o deserto, para defendernos da tentación da nada. Coa literatura, ademais da petición de amor incorporada, viaxa a beleza: dificultades, soños, riqueza, humanidade e humanismo, misterio, espíritu, grandeza. A literatura, lonxe da dictadura do ocio que nos asola, debe ser reveladora. Sempre. De non ser así a literatura deixa de ser literatura: convértese en guión cinematográfico, periodismo, narración magnetofónica, bagatela, sombra cazadora. Estas verdades compartímolas Antón mais eu. E querémonos, moito, sen vernos apenas. Pero coa certeza de sabernos cómplices. Traballando no cuarto escuro, lendo frenéticos, perdéndonos de novela en novela ata a novela final. A Limia honra a un dos imprescindibles. Eu pido que se saiba, que se aplauda, que se recoñeza. Riveiro Coello pertence á estirpe dos grandes. O meu corazón está contigo, Antón.