DIARIO DE AURIA XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
26 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.RECUPEREMOS, a autoestima. Convén empezar a amarse, quererse, valorarse. Aínda que sexa a base de cigüeñal. Quen nos ía dicir que gracias aos cigüeñales que fabrica unha empresa en Ourense, por fin, imos remontar e retomar o curso do futuro. Estas cousas producen certa alegría. Alegría que se tronza cando o presidente Fraga Iribarne reclama, para Valeo, comprensión e axuda (espiritual, imaxino). Iso, precisamente, é o que levamos anos e anos reclamando os habitadores desta provincia do interior. Fraga regálanos boas palabras. Sempre. Incluso cando cinco deputados se plantan, cando o virrei Baltar se planta, cando as forzas vivas desta provincia morta se plantan. Todos plantados e estupefactos fronte ás varas de medir da Xunta. A nós outórgannos boas palabras e ao Vigo de Corina Porro danlle os investimentos. Cando escoito falar do futuro, o futuro desta provincia, non podo evitar o sarcasmo e a ironía. Olvídannos, utilízannos como despensa de votos e paradigma de boinas, paraguas (Ourense terra da chispa) ou carros planeando entre fentos, como Xan das Bolas, como paletos. Abonda. Fraga debe sabelo: queremos comprensión, axuda (espiritual) e, sobre todo, pasta. Como o Vigo de Corina, presidente.