Crónica | Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro na Deputación Xosé Luís Ferreiro calificou de «fito histórico» que un organismo político recoñecese, sen ningunha fisura, a figura do autor de «Longa noite de pedra»
29 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?s institucións semellan por veces enormes monstros sen sentimentos, carecentes de calquera tipo de sensibilidade e de refrexos para reaccionar ao sentir do cotidián e dos cidadáns. Máis ás excepcións sempre deixan unha porta aberta á esperanza e a un futuro máis «normalizado». A Deputación de Ourense rendía homenaxe a un dos escritores galegos máis influintes do pasado século: Celso Emilio Ferreiro; e contribuía a reparar, na medida do posible, as inxustizas cometidas en vida do autor de Onde o mundo se chama Celanova. A instancia do PSOE, concretamente do deputado Gonzalo Iglesias Sueiro, a Deputación acordaba no pleno de xullo -por aclamación- declarar a Celso Emilio Ferreiro como «fillo predilecto de Ourense». Onte materializouse a entrega deste nomeamento, na figura do seu fillo Xosé Luís. No discurso de entrega da distinción Baltar lembrou que «foi Celso Emilio un poeta crítico, comprometido cos valores de xustiza e liberdade. Era a época que lle tocou vivir e o seu compromiso vital, especialmente identificado co galeguismo, tivo unha forte pegada na súa obra». En palabras do representante da Deputación, o autor de Viaxe ao país dos ananos foi «un poeta completo ou, mellor dito, un creador completo, porque ademais da súa maxistral poesía compre referirse tamén ó seu labor de dinamización cultural, de impulsor de publicacións, de xestón, de divulgador de Galicia alí onde lle tocou vivir, en lugares como Venezuela ou Madrid, na época do seu regreso». Calificou Baltar coma un acto de xustiza «cun dos bos e xenerosos» o celebrado onte na institución provincial e asegurou que se estaban reparando as inxusticias cometidas con Celso Emilio Ferreiro ao cumprirse o 25 cabodano do seu pasamento. Madurez e futuro Xosé Luís Ferreiro agradeceu a distinción. Calificou de «fito histórico que un organismo político recoñeza, sen ningunha fisura» a memoria do escritor e decida «honrala desta maneira. Iso é un síntoma de madurez. Estamos a demostrar con este acto que somos capaces de superar cousas pasadas e pensar no futuro».