Outra vez, outra máis

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

02 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

OS presupostos son escasos para Ourense. E saen os do Partido Popular a criticar, con xustiza, ao goberno socialista que esquece de novo á nosa provincia. Hai un ano sucedeu ao revés: eran os socialistas os que censuraban, con xustiza, os presupostos populares. A bota que nos pisa é sempre unha bota, escribiu con lucidez Bertold Brecht. Non se equivocaba. Incluso, estou imaxinando, podía pensar en Auria cando escribiu tal sentenza. Ourense non conta: ni para los unos ni para los otros. Seguimos penúltimos nas estatísticas económicas, demograficamente decrecemos, industrialmente paralizados, en comunicacións poucos avances, socialmente déixase sentir o paro e a baixa renta per cápita. ¿Y qué? Isto leva así anos e anos. Goberne quen goberne. Sempre olvidados. Pregúntome por qué votamos, para qué. Non importa o que suceda co reconto de papeletas: en Madrid esquécennos, en Santiago tamén. Somos unha provincia desaparecida. Talvez no futuro sexamos a cidade fantasma de Rulfo. Unha Comala surcada polo Miño. Triste, ensimismada. Pero capaz de levantar a voz, cada outono, para afirmar que os presupostos son... escasos. Outra vez. Outra máis. Sempre.