Crónica | Varios proxectos recuperan os traballos de Xaquín Lorenzo O Centro Galego das Artes da Imaxe, da Consellería de Cultura, está a organizar unha exposición sobre a relación do etnógrafo e investigador co cine e a fotografía
10 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.? historia de Galicia ten unha débeda impagable con Francisco Fernández del Riego. E seguirá tendo este país esa conta pendente mentras se siga a celebrar o Día das Letras Galegas e aquela fermosa idea que tivo «Don Paco» sirva para recuperar e revitalizar a figura e a obra dos intelectuais galegos. Así está a acontecer con Xaquín Lorenzo, Xocas. A decisión de adicar o Día das Letras Galegas 2004 ó etnógrafo e investigador ourensán está servindo de incentivo para a publicación de obras e traballos que volven á actualidade a figura e a obra de Xaquín Lorenzo e, nalgúns casos, mesmo dan a coñercer aspectos que nunca tiveron a relevancia ou a consideración que se merecían na época na que se desenvolveron. Museo do Pobo Galego Xunto coa publicación de varias obras sobre a figura de Xocas afróntase a revisión dalgunhas das súas obras e a reimpresión da maior parte delas. Clodio González Pérez recuperaba a figura do seu mestre na que pasa por ser unha das primeiras obras do Ano Xocas, a editorial A Nosa Terra publicaba unha nova versión da obra Enredos -sobre xogos e xoguetes populares- e Galaxia puxo nos andeis das librarías as obras orixinais de Xaquín Lorenzo que ten no seu fondo. E moitas iniciativas máis. Un dos proxectos que se poderán ver nos próximos días é a mostra O carro e o home. O cine de Antonio Román e Xaquín Lorenzo. Esta iniciativa é un proxecto organizado e patrocinado polo Centro Galego das Artes da Imaxe que está coordenado por Xosé Enrique Acuña, Xosé Luis Cabo e Miguel Anxo Fernández e que se poderá ver a partir de finais deste mes -barállanse como datas de inauguración os días 21 ou 27 de abril- no Museo do Pobo Galego. A institución que fora presidida por Xaquín Lorenzo acollerá a mostra e participará con orixinais fotográficos do seu fondo. Nas memorias de Velo A exposición centrarase na relación de Xaquín Lorenzo co cine e a súa faceta como fotógrafo -centrada na vertente etnográfica e nas súas investigacións artísticas-. As dúas versións de O carro e o home -El carro y el hombre, a que fixo en 1940 con Antonio Román, e O carro e o home, versión restaurada en 1980 por Eloy Lozano e coa voz do propio Xocas- e a súa colaboración con Antonio Román e con Carlos Velo -a quen asesorou para a rodaxe de Galicia (1935)- centrarán a mostra. Nela proxectaranse ademais estas tres obras audiovisuais. Xaquín Lorenzo aparece citado nas memorias de Carlos Velo cando este fala da súa etapa de estudiante en Ourense e cando lembra as súas primeiras experiencias cinematográficas. Velo, Augusto Pacheco e Xaquín Lorenzo eran algúns dos participantes daquelas primeiras rodaxes feitas na estación do ferrocarril e noutros escearios da cidade. O fotógrafo Tamén se abordará en O carro e o home. O cine de Antonio Román e Xaquín Lorenzo a faceta do etnógrafo como fotógrafo. Xocas foi unha persoa moi interesada pola fotografía e as súas inquedanzas o levaron a crear obras de grande plasticidade. Aínda que se centrou de maneira especial na fotografía etnográfica, como soporte dos seu traballo, tamén foi un nada despreciable autor de fotografía artística e un investigador das formas e a imaxe. A exposición contextualizará a obra de Xaquín Lorenzo co que facían naquela época -a de O carro e o home- fotógrafos e cineastas como José Suárez, Carlos Velo, Antonio Román ou Augusto Pacheco.