Os meus dedos de pirata

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

06 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

YO SÉ que existo porque tú me imaginas (Ángel González). Tremo de ser eu, que son nada, apenas un escritor fracasado de penúltima páxina, ou de última, pouco máis. Yo sé que existo porque tú me imaginas. Ás veces, coma ti, perdo o pé e balancéome no baleiro. Teño ganas de caer e caio por unha noite sen fin, plena de vasos, de lúas que me choran, de pasos perdidos que non están, de ollos que non me miran, nunca. Teño ganas de caer e perdo o norte, incluso as cancións, a ilusión, a ridícula esperanza de (querer) ser un home libre. Yo sé que existo porque tú me imaginas. Existo mentres a melancolía bica os meus dedos de pirata. E pregúntome por que estou escribindo esta columna, tan gris como a memoria. Pregúntome por que cheguei ata aquí para non escribir, por exemplo: qué linda é a vida, corazón. Estou triste, creo, pola Primeira do meu periódico: magnífica fotografía de Santi Amil onde vexo un neno, unha arma e un soldado. Qué mundo cabrón. Menos mal que eu existo porque tú me imaginas. Aquí me quedo, insomne entre os meus delirios de perdedor: Soy el éxito de todos los fracasos. Tamén o escribiu Ángel. Nos seus versos non hai soldados.