É unha desas persoas transparentes. Desas que amosan sen reparo o que levan dentro. E Tereixa Paz leva dentro, acurrunchada no colo, a nena sensible e introvertida que segue a ser máis aló da muller serea na que a convertiron os anos e as vivencias. Porque agocha a representante do BNG toda a súa carga emotiva tras un discurso político impecable, por riguroso e documentado. Porque Tereixa Paz ten o que se coñece como sentido común -o máis infrecuente de todos os sentidos- escrito na frente e na súa traxectoria política e persoal. Repousada, reflexiva, serea, analítica e tan fría no debate político como próxima no vital, a nova representante ourensán no consello nacional do BNG é unha muller ideoloxizada e loitadora que non perde de vista á realidade. Para cambiala. Unha muller faladora -de verbo áxil e expansivo- pero tamén dialogante: escoitadora. Unha nacionalista sobre todas as cosas que non renuncia ós valores históricos da esquerda.