?on 26 anos de carné ás costas, a Salgueiro diulle tempo de oficiar de todo no PSOE: de fontaneiro a primeiro espada e de home de partido a persoa suspendida de militancia. A executiva central do PSOE devolveulle esta condición. -¿Estará satisfeito? -As noticias boas, aínda que sexa tarde, sempre producen satisfacción. Esto demostra que tiña razón, como antes un tribunal me recoñeceu os dereitos que me negaron no Concello de Ourense. -¿Volvería manifestarse contra a concesión do servicio de limpeza que promoveu o PP? -É unha loita que non dou por perdida. Este acordo está recurrido polo BNG e por min mesmo e estou convencido de que é outra das cuestións que imos gañar porque é un acordo claramente ilegal. -Logo de case dous anos de suspensión ¿como valora o acontecido no PSOE? -Supoño que coma calquera cidadán de Ourense, con preocupación. Para tranquilizar ás familias do partido procedeuse á disolución e foi triste ver fóra do mesmo a moitos bos militantes de toda a vida. Tampouco se conseguiu gran cousa, xa que nos 26 anos que levo no partido nunca se viu que un mes antes das eleccións o comité federal prescindirá de un candidato, e ¿en que condicións? Alguén debería asumir responsabilidades. -Vostede regresa ó partido e Troitiño hai tempo que está fóra ¿que lle parece? -Troitiño non me da nin frío nin calor. Non me preocupa o máis mínimo. -Os votos da esquerda suman máis que os do PP, mais Cabezas seguirá tendo a maioría ¿como o valora? -É certo mais é unha reflexión que non sirve para nada. A esquerda ourensana debe unirse para propiciar un cambio de goberno. Troitiño axudoulle a Cabezas a ser alcalde en 1995 e agora volveu facelo, aínda de forma máis descarada. Botei en falta que antes e durante a campaña os partidos de esquerda non fixesen nada para desenmascarar a operación liderada por Troitiño. Se foxe así hoxe estarían PSOE e BNG pactando o futuro goberno, con sete concelleiros cada partido.