Un futuro de flores e bicos

OURENSE

DIARIO DE AURIA | O |

24 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTE, que non cre na democracia, escritor periférico, soñador irrecuperable. Este, que recita versos á lúa, que vive e bebe entre amigos para sobrevivirse. Este, servidor de vostede, lector amado. Este, vota. Voto polo futuro, así, aínda que pareza un eslogan electoral, unha consigna caduca, pero se un non crese nun futuro de flores e bicos non subiría na moto de cada día, nunca. Voto polos olliños das miñas nenas que queren xogar na praza libre e verde da ilusión. Voto polo que creo e non deixarei de crer, a pesar de tanto. Voto, en definitiva, porque son un imbécil que pensa que as cousas poden mellorar. Voto por min, porque din que son un ególatra, un egocéntrico. Voto porque son, ademais de egocéntrico, un militante da esperanza. Voto porque coñezo políticos honestos, tan fraternos que lle podes dar a vida e han de devolvercha ao cabo dun minuto, engrandecida e solidaria. Voto porque a democracia, na que non creo, é unha conquista dos homes e mulleres que amo, e que vou amar, pase o que pase, toda a miña vida. Voto porque quero ser feliz. Voto por ti, que es eu. Voto porque non quero perder. Voto porque son libre. ¡Libre! Igual que tú, querido ciudadano.