DIARIO DE AURIA | O |
25 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A VER se inauguramos o circo electoral, que me aburro. Só me alegran as fotografías colorinas deste periódico. As portadas presentativas dos alcaldables, os bicos, os abrazos como puñaladas (este Cabezas, este virrei). A ver se iniciamos o circo electoral, que estou canso de min mesmo. De repetir o meu ánimo entre columnas. Eu fago só literatura cando falo dos políticos. Eles son a miña debilidade e un, a estas alturas do partido, só escribe das súas debilidades. Podería escribir da actualidade, fútbol, teatro, universidade, caos circulatorio. Falar do medio ambiente residual e malavida: a miña tese de doutoramento. Pero eu quero falar de política. Que me gusta, uff. Un político non sabes se vén, se vai, se queda, se te quere ou non te quere, se é infiel, leal, fatalmente casto. Un político cando aparece en fotografía pegada con cola nas paredes é un tipo inclasificable. Por iso os escritores apretamos a cabeza para buscar adxectivos que o clasifiquen. Os políticos salvan unha novela, un poema. Sen eles non ten sentido a miña vida. Sen eles as miñas noites son un estado de coma. Que viva, pues, el circo. Y que vivan, ¡sí!, los leones.