A afinidade facilita a integración

Luis Martínez-Risco OURENSE

OURENSE

Natal rompe o estereotipo do Brasil das fabelas e da miseria

05 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Nilson Dantas Torres traballaba na recepción do Hotel Imirá Plaza da cidade brasileira de Natal, cando un empresario da hostelería suizo comentoulle o positivo que para a súa proxección profesional sería poder traballar en Europa, pois lle permitiría dominar o francés e o inglés. Aceptou o consello e marchou a Estoril (Portugal), onde traballou nun restaurante sueco no que somentes se falaba inglés e no Hotel París, onde traba amizade con ourensáns e decide buscar traballo na nosa cidade, á que chegou no ano 1991. Natal é unha cidade de litoral, capital de Río Grande do Norte, cuxa principal riqueza é o turismo. Alén das súas praias, Natal posúe unhas paraxes naturais de gran valor e interese ecolóxico, salientando as lagoas de auga doce rodeadas de dunas. Natal é unha cidade tranquila que rompe o estereotipo do Brasil das fabelas, pobre e violento. característico das grandes cidades. Coma Ourense, é unha pequena capital de provincia, o que favorece o trato coa xente. Só que aquí as relacións entre clases son moito máis abertas. Nun grupo de amigos existen diferentes realidades sociais, culturais e económicas. En Brasil iso é máis dificil, pois o que poderiamos considerar clase media é moi sufrida, non podendo acceder a espacios de cultura e/ou lecer que aquí están moito máis democratizados. O carácter menos elitista da sociedade ourensá favoreceu a súa integración, pois rapidamente atopas un coñecido que á súa vez preséntate a un amigo, e deste xeito, pouco a pouco, pasas a ser parte da cidade. As súas dimensións tamén favorece a adaptación, pois é fácil atoparse cun amigo na rúa, e un non se sinte tan só. A afinidade idiomática e cultural son importante axuda no lento proceso de integración, mais se tes a sorte de contar con amigos é moito máis doado establecer en pouco tempo un trato familiar. Cando chegou á nosa cidade, os trámites para obter o permiso de residencia non eran tan complicados como hoxe. Podía ficar seis meses como turista, e logo para o permiso de residencia chegaba cunha proposta de traballo. Iso si, había que superar a cadratura do círculo, pois o traballo estaba condicionado á obtención do permiso de residencia. Pensa que na administración, conscientes do contradictorio do proceso, eran máis tolerantes. A situación hoxe está moito máis complicada. Deberiamos lembrar que somos un país de emigrantes e flexibilizar a lexislación para os que veñen de fora. "Uma mâo lava a outra" dí un refrán brasileiro. Aprender do outro é fundamental, pois o contacto entre experiencias vitais diferentes contribúe sen dúbida ao enriquecimento das persoas. Saber administrar positivamente esta posibilidade que ofrece a chegada de inmigrantes de culturas moi diversas, é o noso reto. Non hai que ter medo de admitir cousas que veñan de fora. No fondo, todos somos moi semellantes.