Os soños e a realidade

OURENSE

DIARIO DE AURIA

06 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

SETEMBRO é pura melancolía. Regresa o curso político, o curso académico, o curso social. Reencóntranse amigos e amiguetes no bar da esquina contando as virtudes e invirtudes de agosto. Repítense os problemas e repítense as solucións. Setembro, que é pura melancolía, é tamén un mes de repeticións varias. Volvemos co asunto do Campus e as súas titulacións. Informática é a carreira máis demandada. No furgón de cola: os mestres e os físicos. Parece que o Ensino non resulta atractivo para as novas xeracións e, sen embargo, o ensino segue a ser un dos fundamentos da sociedade. Cando o ensino funciona, o país funciona. Unha civilización culta: unha civilización avanzada. Creo que xa tocamos fondo. Aseguro: os índices de lectura van aumentar este ano, o respecto e a tolerancia estarán na base fundacional desta Auria 2002-03, os libros substituirán aos videoxogos, a sensibilidade e a formación imperarán sobre a estulticia, o sentido común será o máis común dos sentidos, as Artes e as Letras camiñarán orgullosas e invencibles polas rúas. Setembro, que é pura melancolía, é un mes apto para soñar. E os soños serán realidade algún día.