Expourense acollerá en octubro Crea 2002, unha feira que reunirá tódalas formas artísticas e sectores vencellados coas mesmas Expourense contará a partir de outono cunha nova proposta no seu calendario de feiras e mostras. Do 17 ó 20 de octubro celebrarase no recinto feiral ourensano Crea 2002, o primeiro Salón da Creatividade;unha experiencia na que se darán cita tódalas facetas e sectores da creación artística: desde a pintura e a escultura ás instalacións, a creación por ordenador, a arquitectura, o deseño ou o sector da moda, entre outros. Crea 2002 tamén contará coa presencia de galeristas, institucións públicas, fundacións, industrias, universidade e unha panorámica xove que amosará o traballo dos novos creadores ou dos alumnos de arte e deseño.
13 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Crea 2002 é un espacio para amosar un factor que caracteriza ó ser humano: a súa necesidade e capacidade para crear ou inventar. No senso amplo do termo, desde un tecido a unha páxina web. Con esta filosofía nace este primeiro Salón da Creatividade que se vai celebrar en Ourense do 17 ó 20 de octubro. Un proxecto creado coa aspiración de ser «un punto de encontro para tódolos sectores relacionados coa arte en tódalas súas facetas: creación, difusión, comercialización, intercambio, etcétera» e que quere ser un lugar de divulgación das diferentes manifestacións creativas «da zona norte da Península nas súas diferentes disciplinas: deseño, pintura, escultura, arquitectura, urbanismo, gravado, imaxen etcétera». Do textil ó turismo O proxecto artellase coma unha mirada multidisciplinar sobre o proceso creativo. Da industria da moda e o sector textil ó turismo haberá un amplo abano de ofertas e experiencias. A proposta de Crea 2002 foi ideada por Xosé Lois Carrera e José Luis González Blanco. Este último é o autor do espacio expositivo: unha disposición por sectores en Expourense, a xeito de ollo, no que haberá zonas perfectamente delimitadas: Galerías, Artistas Consagrados, Fundacións, Universidades, Industrias, Institucións Públicas e Panorámica Xove. Boa demanda A proposta de Expourense está tendo moi boa acollida, valorandose de forma moi positiva polas universidades e a propia Xunta, entidade desde a que se participa a través da dirección xeral de Promoción Cultural.