Curros Enríquez volve á Rúa de Arriba

REDACCIÓN OURENSE

OURENSE

Celanova abre o primeiro congreso internacional sobre o escritor e xornalista nado na vila hai 150 anos O grande «poeta de Galiza», Manuel Curros Enríquez, volve a Celanova. A Rúa de Arriba, hoxe rúa Curros Enríquez na memoria do escritor, acollerá a visita dos investigadores e estudiosos da súa obra que participan no primeiro congreso sobre Curros.

12 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que se contaba con poder inaugurar a rehabilitación da casa de Curros, na Rúa de Arriba, co gallo da celebración do congreso non se vai poder materializar esta iniciativa, con todo a casa natal do autor de Aires da miña terra acollerá algunha das actividades paralelas do congreso, concretamente un recital de poesía. Desde hoxe, e ata o domingo, sucederanse en Celanova e A Coruña os actos do primeiro congreso internacional sobre o autor. Organizado polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Celanova, o congreso contará coa participación de setenta estudiosos da obra do poeta e xornalista. A presentación de ponencias, estudios, a celebración de coloquios e os actos paralelos desenvolveranse na vila entre entre hoxe e o sábado. Para o domingo está previsto poñer o epílogo a este primeiro Congreso Internacional «Curros Enríquez e o seu tempo» co Foro das dazasete arengas diante do monumento a Curros en A Coruña, a Homenaxe a José Fontela Leal e o acto literario e musical no Teatro Rosalía de Castro.