Beade, sen vaquilla nas festas

REDACCIÓN RIBADAVIA

OURENSE

SANTI M. AMIL

TVE cambia o día de emisión do programa «Gran Prix» no que participaron os veciños As festas de Beade, que dende mañá ata o próximo xoves día dezasete honrarán á Virxe da Misericordia e a San Roque, quedarán sen un dos seus maiores atractivos: a emisión en diferido da participación dos veciños da vila no programa Grand Prix, de TVE.

12 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A productora do popular programa, no que disputaron a final sen éxito, prometera a emisión para o luns 14 de agosto, coincidindo casualmente -non houbo polo tanto ningunha mediación dende o Concello- coa celebración das súas festas. Por problemas internos de programación, TVE tivo que adianta-la emisión dun dos programas gravados con antelación, co que a data orixinal terá que modificarse para outro día. Esta «noticia fea», segundo o alcalde Senén Pousa, fai que o pobo de Beade perda a ilusión que tiña depositada no feito de observar todos xuntos o programa nunha pantalla xigante que, cedida gratuítamente por un particular -alugar unha en Ourense resultaba moi costoso para as arcas municipais- terá que ser devolta sen sequera darlle uso. Esvaécese deste xeito o que podería se-la grande atracción dunhas festas que, aínda así, seguirán adiante co programa establecido: devoción á imaxe da Virxe da Misericordia e música da man de bandas municipais e das orquestras -entre elas a da Televisión de Galicia, curiosamente poderían ser estas unhas festas con moita presencia do audiovisual-. Os veciños de Beade terán agora que conformarse con ensinárlle-la final do Grand Prix ós seus curmáns da parroquia de Beade -no Concello de Vigo-, cos que están irmanados dende hai catro anos pola súa homonimia, a través dos televisores das súas respectivas casas, xa que ó non emitilo o día propio da festa «perde toda a cousa». A pesar desta faena «que non é de recibo», Pousa di que se deixou «o pavillón de Beade e de Galicia ben alto».