Entre o dereito a morrer e o deber de non abandonar
OPINIÓN
Cando pronunciamos a palabra eutanasia facémolo con solemnidade xurídica, revestímola de garantías, procedementos e informes, mais detrás de cada solicitude hai unha persoa que afirma que xa non pode máis. E, entón, o Estado debe escoitar. Pero tamén debe preguntarse, con honestidade case cruel: é verdadeiramente libre a decisión de morrer cando a vida que queda se volveu insoportable, ou cando o que se fixo insoportable foi a falta de coidados? Non pode máis por mor da enfermidade ou porque a deixamos soa diante dela?
En España, a Lei orgánica 3/2021 recoñece a prestación de axuda para morrer dentro do Sistema Nacional de Saúde para persoas adultas cunha enfermidade grave e incurable ou un padecemento grave, crónico e imposibilitante, causantes dun sufrimento intolerable. Esixe unha decisión libre, informada, reiterada e sometida a controis médicos e administrativos. O Tribunal Constitucional confirmou a súa conformidade co parámetro constitucional.
No 2025 rexistráronse en España 1.284 solicitudes e realizáronse 565 prestacións: o 0,13 % das mortes. O 47,7 % dos procedementos finalizados terminaron na prestación; o 13,2 % foron denegados e o 8 % revogados; o 31,5 % dos solicitantes morreron mentres se tramitaba a súa solicitude. Cada cifra encerra unha historia que non cabe nunha estatística.
A experiencia dos Países Baixos introduce agora unha inquietude difícil de ignorar: no 2025 contabilizaron 10.341 eutanasias, preto do 6 % dos falecementos. Un estudo encargado polo Goberno neerlandés sinala que o incremento responde sobre todo ao envellecemento, á maior supervivencia con enfermidades crónicas e a unha cultura que concede máis peso á autonomía. Mais introduce unha hipótese inquietante: a presión sobre a sanidade, os problemas de acceso á atención psiquiátrica e a escaseza de persoal para coidados domiciliarios poden reforzar indirectamente o desexo de morrer. Os seus autores non proban unha relación causal; formulan unha alerta que esixe investigación, pois a ausencia de causalidade demostrada non é escusa para non mirar.
En España, a Estratexia de Coidados Paliativos 2026-2030 recoñece que garantir un acceso integral e equitativo continúa sendo unha necesidade e identifica carencias de coordinación, formación, detección precoz e atención continuada.
Eutanasia e coidados paliativos non son dereitos rivais. Defender a autonomía esixe evitar que a elección quede condicionada pola soidade, a pobreza, a dependencia desatendida, unha lista de espera ou o esgotamento dunha familia sen apoio. A lei obriga a informar das alternativas e prestacións dispoñibles; o reto é facelas reais. Ningunha decisión é libre cando unha opción está garantida e as demais dependen do código postal, da renda ou da capacidade familiar para coidar.
Invocar as eivas sanitarias para negar a eutanasia sería paternalista. Empregala para ocultalas sería intolerable. O Estado debe impedir que alguén sexa obrigado a prolongar un sufrimento insoportable e garantir os coidados para que vivir siga sendo unha posibilidade real.
A medida ética dun sistema non reside só en respectar a última decisión, senón en comprobar que antes fixo todo o posible para que esa decisión non nacese do abandono.