A aprobación do Nomenclátor de Galicia 2026 suscitou interese mediático pola modificación de 2.531 topónimos, entre eles catorce nomes de concellos. En moitos casos, o obxectivo foi recuperar formas históricas ou restituír artigos considerados perdidos pola influencia da Administración castelá.
Os artigos constitúen o núcleo da reforma: motivan tres de cada catro mudanzas. Se estas contan co respaldo dos habitantes das localidades afectadas, pouco hai que obxectar. O problema xorde cando se presenta como normalización lingüística o que nalgúns casos parece máis ben unha restauración arqueolóxica.
Na toponimia galego-portuguesa, a perda do artigo é un fenómeno natural. Moitos nomes de lugar naceron asociados a palabras de uso común e, por iso, acompañados de artigo. Co paso do tempo, ao debilitarse a relación co significado orixinal, o artigo tende a desaparecer. Trátase dun proceso habitual na evolución desta parte da onomástica.
Coñezo ben un exemplo. Na miña infancia, a parroquia de Feás, en Cariño, aínda conservaba a memoria dun lugar coñecido polos máis vellos como «os Feás». O artigo mantívose mentres designou aquel núcleo orixinal, pero desapareceu cando pasou a identificar unha entidade administrativa máis ampla.
Casos semellantes atopámolos por toda Galiza. En Boiro, unha parte da localidade aínda é coñecida como o Boiro de Arriba, e entre as persoas máis vellas dos concellos veciños segue vivo o costume de ir ao Boiro. Porén, para a vila e o concello actuais a maioría xa non estraña dicir simplemente Boiro.
Esta perda do artigo non responde á castelanización, senón á propia dinámica da lingua, polo que me parece excesivo revertela cando xa non conta co respaldo do uso. En Castro Caldelas, a unión de antigas formas toponímicas para designar unha nova realidade administrativa acabou creando, na práctica, un nome novo. Recuperar o artigo porque subsiste nun dos seus compoñentes equivale a ignorar que esta evolución forma parte da propia natureza dos topónimos.
Algo semellante, aínda que en sentido contrario, ocorre co novo Cangas de Morrazo. Se o uso incorporou o artigo ao nome da comarca, por que eliminalo?
A toponimia muda coa lingua. Normalizala significa coordinar as súas variantes, non conxelala nun momento concreto da súa historia nin lexislar contra o uso.