A historiadora británica —e honoris causa pola Universidade de Santiago— Mary Beard é partidaria de mudar estruturas caducas como a de «encaixar doadamente as mulleres nunha estrutura que xa está codificada como masculina; hai que cambiar a estrutura». Un principio tan lóxico que semella incrible ter que seguilo vindicando. Que iso é puro feminismo? Obviamente. E sectario? Obviamente non: simplemente é xusto.
Visitemos os dicionarios das reais academias. Na española correspóndelle o coidado da unidade, correcto uso e evolución na hispanofonía da lingua común e compartida, e na galega, tamén o de fixar a normativa lingüística, a modernización do vocabulario ou a defensa do idioma. Fins indiscutibles e dunha alta responsabilidade que maioritariamente cumpren, mais non sempre, o que é grave en casos de indubidable preocupación social. Suban a este vehículo e fagan vostedes a busca se non o cren.
A Real Academia Española (RAE) define o vocablo mujer como «persona del sexo femenino» e como «esposa, señora, cónyuge, consorte»; mais reserva para o vocablo hombre o privilexio de «ser animado racional, varón o mujer». Define mujer pública como «prostituta» e hombre público como «hombre que tiene presencia e influjo en la vida social».
A RAG define tamén muller como «persoa do sexo feminino», e engade a «condición de esposa», reservando para home a «condición de mamífero da orde dos primates que forma a especie humana, que se caracteriza fundamentalmente por adoptar a posición vertical, ter linguaxe articulada, intelixencia moi desenvolvida e a facultade de razoar». Machismo defínese como «unha ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre o home e a muller». E feminismo pasa á condición de «doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller». Resulta fatigoso de puro invisible. Mais velaí como as ideas se fixan no imaxinario colectivo e repercuten nos comportamentos privados e na ética pública. Xa pasou algún tempo desde que o catedrático de Filosofía Política Daniel Innerarity advertía no seu traballo Unha teoría da democracia complexa de que a confrontación de tipos de poder e valores tradicionalmente asociados aos homes e ás mulleres é moito máis importante cá tradicional entre esquerda e dereita. Advertía de que a dominación masculina se resiste a ceder e atopa acollida en amplas capas da poboación, onde uns non saben cal debe ser a súa nova posición e outros o saben demasiado ben e se resisten «porque o que se negocia non é unha simple distribución das tarefas domésticas, senón a definición da propia identidade». E engade que se está a librar «unha batalla máis decisiva cá estereotipada entre esquerda e dereita».
E eu só podo chamar a atención de tantos compañeiros e compañeiras de viaxe neste proceloso camiño cara á igualdade en algo tan decisivo como o xeito en que nos denominamos, porque iso é equivalente a como nos consideramos, como nos recoñecemos; e, volvendo ao sabio citado, porque estamos nun novo campo de batalla e non hai moito tempo que perder.