Vin aquí falar do meu libro

Fernando Fernández Rego PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

Andrés do Barro durante una actuación en México.
Andrés do Barro durante una actuación en México.

Este texto é unha resposta ao artigo de Xavier Alcalá publicado en La Voz de Galicia baixo o título «Andrés do Barro: Saudade dun xoguete roto». Un artigo que, desde hoxe, pasa a ocupar un lugar destacado entre as grandes cotas do humor galego contemporáneo. E con humor quero tomalo.

Porque cando alguén percorre Galicia participando en homenaxes a Andrés do Barro e despois escribe algo así sobre el, só se me ocorren dúas explicacións: ou estamos diante dun xenio do humor, ou diante dunha persoa á que o ego lle xogou unha mala pasada. Prefiro quedar coa primeira.

Non son partidario de responder ás críticas. Pero unha cousa é discutir unha interpretación e outra poñer en dúbida o rigor e a honestidade dun traballo.

Levo máis de vinte anos investigando e escribindo sobre música. Andrés do Barro. A xénese do pop en galego é o resultado de anos de traballo: decenas de entrevistas, revistas orixinais, prensa, documentación e centos de referencias ao pé de páxina.

E hai algo máis: tiven acceso aos diarios persoais de Andrés, á súa correspondencia privada e ás súas cartas manuscritas. Á súa propia voz sobre o papel.

Aparentemente, todo iso debe de ter pouco valor documental. Debe de pesar máis o recordo de alguén que compartiu con el unha etapa concreta e que despois desapareceu durante décadas da súa vida. É unha concepción da historiografía certamente innovadora.

Nunha biografía, as fontes non deciden canto deben aparecer. Contrástanse, compáranse e sitúanse nun contexto. A memoria é valiosa, pero tamén selectiva e subxectiva. Quen queira comprobar como está construído o meu libro só ten que abrilo.

Tamén sorprende que se mencionen persoas, coma se o libro ignorase voces fundamentais arredor de Andrés. Xoán Rubia foi entrevistado xa para a primeira edición. Tamén Xerardo Moscoso, Bibiano…

O problema parece ser outro: aquí non se discute realmente quen foi entrevistado. Discútese canto aparezo eu. Contar cantas veces aparece o propio nome nunha biografía e utilizar esa contabilidade como argumento crítico case merece entrar por dereito propio na literatura humorística galega.

Unha biografía non é unha repartición de cotas de protagonismo, nin unha clasificación de amizades. O criterio é outro: que pode documentarse e que importancia ten para comprender a persoa e a súa obra.

E aí convén falar de feitos. Andrés do Barro cursou o bacharelato e rematou os estudos de Náutica, aínda que non completou as horas de navegación necesarias para exercer. Foi compositor —letra e música— dos catro números un que acadou entre 1969 e 1972, e autor da inmensa maioría do seu repertorio.

Non fai falta crerme: están os créditos dos discos, a SGAE… Podemos discutir influencias, colaboracións e aprendizaxes. Outra cousa é construír retrospectivamente un Andrés intelectualmente dependente, un rapaz ao que había que escribir, explicar ou completar constantemente.

E hai un problema evidente: Andrés non pode contestar. Morreu hai máis de trinta anos. Por iso sorprende que alguén que participa en homenaxes a Andrés presente agora unha imaxe súa que, lonxe de engrandecelo, parece empequenecelo.

É lexítimo reivindicar unha amizade, contar lembranzas ou discrepar dunha biografía. O que resulta menos elegante é diminuír o protagonista para aumentar o papel dun mesmo.

Porque ao final aparece o que estaba debaixo de todo isto: o meu Andrés. O meu papel. O meu mérito. As miñas aparicións no libro.

E aí cae a máscara.

Eu non necesito disputar ese territorio. Non coñecín a Andrés do Barro. Por iso escribín unha biografía e non unhas memorias. Podo equivocarme, como calquera investigador. Pero poñer en cuestión un traballo documentado esixe algo máis ca contar cantas veces aparece un nome.

Non podemos esquecer o esencial. Andrés do Barro levou cancións en galego ao número un das listas. Escribiu melodías que sobreviviron máis de medio século. Iso fíxoo Andrés.

Por iso, sigo defendendo que merece a Medalla de Galicia e que Galicia debería dedicarlle algún día as súas Letras.

Andrés é máis grande ca nós. Algúns, simplemente, aínda non o entenderon.

Eu, polo menos, vin aquí falar do meu libro.