Ser ou non ser IA

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

Ata hai un par de anos falabamos da «fenda dixital» para referirnos a aquelas persoas que estaban sen acceso a internet. Diciamos que esa xente estaba en franca desvantaxe porque non podían gozar de todo o marabilloso que a rede de redes nos daba. Daquela era cando pensabamos cousas que agora soan tan ridículas como que internet ía democratizar o coñecemento ou que grazas ás redes sociais ía medrar o diálogo público.

Hoxe sabemos que o que aconteceu é todo o contrario: os humanos pasamos horas enganchados a vídeos curtos chorras, ao visionado de memes supostamente cómicos que o que fixeron foi, precisamente, atrofiar o noso sentido da comedia. Rebaixou todo o nivel mental, intelectual e sobre todo, de atención da xente. De toda a xente. Xa abonda de dicir que isto é algo que só afecta á rapazada. Para nada. A xente adulta anda igual de enganchada. Se un fai unha viaxe por Instagram o que atopa sobre todo é xente adulta subindo fotos estudadas con filtros, facendo vídeos espectaculares para que, durante un par de segundos, esteamos atentos. No caso da rapazada, que vive en TikTok, nun scroll infinito de vídeos que non duran case nada, pídelles logo ti que soporten unha clase maxistral dun señor ou dunha señora falándolles sobre calquera tema. Ou que aturen unha película cunha trama lenta. Ou que sexan quen de ler un libro minimamente profundo. Os profes saben moi ben de que falo e de como cada vez teñen que facer máis acrobacias para conseguir a súa atención. Pero tamén o sabemos os editores, vendo como o mercado se enche de libros de temática simple, capítulos curtos, argumentos trepidantes, moita acción e sintaxe superficial. Todo o que implique un certo nivel de profundidade xa nin se publica.

A nova batalla, coa irrupción dunha intelixencia artificial que xa pensa por nós, que decide por nós, que traballa por nós, que nos evita facer preguntas porque ten todas as respostas, será conseguir ser humanos fóra dela. A liberdade vai estar presente nas cabezas de quen saiba utilizala como o que é, unha ferramenta, e, malia iso, sexa quen de seguir pensando por un propio. Porque a intelixencia artificial está deseñada para que nin pensemos. Xa a empregan toda clase de profesionais, incluídos xuíces. Os políticos, por suposto. Algúns dos discursos que escoito ultimamente teñen toda a pinta de ser redactados por ChatGPT.

O reto que temos por diante é inmenso e é, basicamente, se queremos, ou non, seguir sendo humanos, é dicir, imperfectos, cheos de dúbidas, pero tamén curiosos. Isto último é o que nos fai humanos. A verdadeira fenda é esa. A verdadeira cuestión shakespeareana, tamén: sermos ou non sermos IA. Velaí a cuestión.