Veráns de «Falcon Crest»

Inma López Silva
Inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Incendio forestal en Ribas de Sil
Incendio forestal en Ribas de Sil Rosa Veiga | EUROPAPRESS

Aburriamonos coma ostras despois de Falcon Crest. Os saltóns non se conformaban coa sombra da viña, e os acios aínda verdes de agosto non tiñan a mesma pinta luxosa que os da familia Gioberti, que medraban frescos onda a piscina. Nós só tiñamos o río de Bran, coas súas serpes e os tabáns, para nadar sen crema solar con flotadores que eran rodas de furgoneta. Era un mundo sen adultos e sen incendios.

Así engana a memoria. O verán de 1987, cando o meu pai me aprendeu a nadar baixo un ameazante olor a queimado, foi devastador: case catro mil incendios. E o do 89, cando xogabamos aos Chaning almorzando nun eucaliptal acabado de plantar grazas aos incendios anteriores, foi un dos veráns máis negros de Galiza, con máis de 190.000 hectáreas quiemadas. Para que comparen: na vaga do 2006 arderon unhas 90.000 hectáreas, e na do 2025, unhas 120.000.

Cando os primeiros melanomas demostraron que non se pode andar ao sol sen protector, entendemos tamén que Galiza permanecera no século XIX durante todo o XX. A aqueles campesiños, agora idealizados, íanselles das mans as queimas, mentres os desertores do sacho, ben apousentados nos seus xardíns de urbanización compostelá, inzaban de eucaliptos as herdanzas de monte queimado. Con Galiza chea de galegos, non sei eu se a nostalxia por aquilo é a axeitada para dar coa causa da nosa galaica querenza polo lume. Hai estudos que demostran que esa agricultura e gandería pola que algún devece agora era causa esencial de deforestación na España de mediados do século XX onde a conciencia de natureza escaseaba.

A paisaxe é estética e urbana, pictórica, cool, pero naqueles veráns de carricantas e aguias, a natureza era aquilo que, dalgún xeito misterioso, estaba á marxe de nós. Na aldea, había unha crenza definitoria da estraña relación entre os galegos e a natureza: o bosque estorbaba coma os lobos e as malas herbas.