As mulleres de Asorey

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Acto de recepción de «A Santa» de Francisco Asorey
Acto de recepción de «A Santa» de Francisco Asorey Lavandeira jr | EFE

Vina por primeira vez na Casa de Galicia de Montevideo, aínda que sabía dela polas clases de Serafín Moralejo na facultade. A Santa de Francisco Asorey (1926). Nunca tanta emoción e beleza. Nunca tanta forza, tanta enerxía, tanta memoria da terra. A Xunta de Galicia incorpora ao patrimonio nacional unha das grandes obras da arte galega contemporánea, ata hai pouco propiedade da colectividade emigrante, que a adquirira no ano 1951. Cando eu a vin presidía unha das salas de recepción da presidencia da institución. Os galegos de Montevideo amosábana con orgullo. Agora está aquí coma quen volve a casa.

Son as mulleres de Asorey, moitas delas inspiradas no espírito das Irmandades da Fala nos anoa 20 do pasado século. A Santa, espida, coas mans e as pernas desproporcionadas polo traballo, o peso das cangas, o pano na cabeza e con arracadas, ten unha beleza distinta, certamente singular. Escandalizou a algúns no seu tempo, na Exposición Nacional de Belas Artes, en Madrid, onde lle negaron o primeiro premio, mais hoxe é o símbolo do país. Así o entendía a colectividade emigrante na outra beira do Atlántico: a muller que terma da casa, dos fillos, da memoria dos seus, da facenda e o patrimonio, mesmo da esperanza de que as cousas, malia todo, logo de tanto sacrificio e de tanto traballo, han vir para mellor.

Hai outras mulleres de Asorey. No museo de Pontevedra podemos ver algunhas mostras en escaiola da Naiciña e de O Tesouro, ensaios para a realización definitiva en madeira policromada. Tamén no museo provincial de Lugo, e no museo de Belas Artes da Coruña. Eu teño devoción polo Tesouro: unha muller, podemos imaxinar unha mociña, que leva no colo un xato: o tesouro da casa, algo máis que a economía familiar, segundo nos conta Castelao nunha das súas Cousas. Tamén a Ofrenda a San Ramón Nonato, coa muller axeonllada diante do santo para pedirlle un fillo, outro tesouro na familia. E a Picariña, actualmente en paradeiro descoñecido, con todo o engado da neniña inocente, seria, concentrada. Da Naiciña temos unha réplica en Cambados, o orixinal está no museo de Santa Fe, na Arxentina, e A Filliña atópase no museo de Belas Artes da Coruña. Tamén están as Virxes. O escultor representou varias: unha Doorosa no colexio dos Salesianos en Baracaldo, unha Virxe da Soidade en Bilbao, unha Guadalupe en Rianxo, outra Virxe do Carme en Marín… ademais de retratos particulares como o da condesa de Marín e un boceto da propia muller, de inspiración neoclásica.

Mais a forza das mulleres do artista está nese alento que nace da esencia da terra, unha forza especial, unha tenrura que nos conmove. De entre todas elas, a Santa acaso é a que máis transcende, pola significación da muller na nosa historia e na nosa cultura, pola enerxía e a rexa personalidade que transmite, mesmo na luminosidade da súa ollada.