A alma de cada un de nós vén sendo a representación dun «eu mesmo» que apenas coñecemos. A alma dunha cidade, emulando o Volksgeist hegeliano, é un espírito en común que vai mutando coas xeracións. Queda a memoria, o escrito, a tradición oral e a arquitectura, as lousas que pisamos, as fachadas que admiramos, as sombras dos interiores que habitamos. As cidades necesitan un espírito para recoñecernos e cohabitar, cun compromiso moral para domesticar o ímpeto individual e o negocio a ultranza.
O meu Santiago devén daquela alma perdida no rezo obrigado das horas, da pisada longa e triste da ditadura que truncou o avance da República, e pasa por aqueloutra alma máis viva dos anos reivindicativos do 68 e, logo, do gozo da liberdade de un mesmo e dos outros. A cidadanía subiuse a aquel refacho de aire democrático, mesturando autonomía e galeguismo, Parlamento e concellos, a Europa dos grandes investimentos e a da historia que, para Santiago, supuxo recuperar unha alma mater, o impulso de toda a cultura con ventás abertas, o ascenso á primeira división, inesquecible. Atrevímonos entón a falar de neocompostelanismo, como a necesidade de remover a lousa do pasado e implantar o moderno con decisión.
Agora vexo a alma da miña cidade como fragmentada. A Cidade da Cultura e os concertos do Monte do Gozo cheos de público, as festas patronais e as dos barrios e parroquias, o Auditorio e os teatros, o CGAC, os museos e fundacións, por separado. Inúndanme cifras e estadísticas descontextualizadas. Nas rúas escoito contar un Santiago con lendas pintorescas, e vexo con gozo a xuventude que celebra a Copa do Mundo, o regreso do Obradoiro á ACB e o ascenso do Compos. A alma da miña cidade esixe unha mirada longa para ser capital de verdade, dialogando permanentemente coas outras cidades de Galicia, impulsando o coidado da cidade cos barrios e parroquias e, xaora, a lingua, cada vez menos falada. Asumir o centro histórico e a catedral como un todo espiritual e estético; volver enlazar coas cidades camiñeiras europeas; que a Universidade, tan sobresaínte en investigación, comparta coa cidade o mesmo proxecto urbano, e que as administracións central, autonómica e local recuperen o consenso no Consorcio e os investimentos que resultaron tan frutíferos.
A alma da cidade constrúese co esforzo de todos, partindo dun baño de realidade sobre o que fomos e o desexo do que queremos ser. Os veciños somos cidadáns do mundo porque Santiago de Compostela foi desde sempre receptora de xentes, etnias e linguas. A endogamia empobrece.