25 de xullo: pasado mañá é o teu día, Galicia. Terra de verde e mar, de albor e clamores, coa beleza deitada como flores na herba. Galicia vigorosa, viva, alegre. Terra de alalás e muiñeira, de manxar sabor paraíso, con verbenas de mil namorados danzando, incansables. Galicia dos ríos e das fontes, da chuvia ou marmaña caendo lenta, lentísima, sobre a pedra viva de Compostela. Galicia de Cunqueiro e Valle Inclán, probablemente as plumas máis delicadas do século pasado. De Torrente Ballester e Camilo José Cela, que foi o único premio Nobel galego. Repito isto a miúdo por ver se algún día a cultura oficial rende a homenaxe que lle debe ao mestre (Acaso Cela non pertence á nosa cultura, non é Cela o máximo exponente dela? Falo de cultura no sentido lato da palabra, non de literatura unicamente). Galicia do silencio: porque ás veces é mellor calar, non dicir, contemplar o paso do tempo como un bucle do que non conseguimos saír. Galicia de aquí e de acolá, dos que aínda camiñan polo mundo portando no seu corazón as cores, solpores, marés, airas e fragas, sustentos da alma. Galicia que non se resigna e avanza, con firmeza, sen mirar demasiado atrás: existe unha melancolía que arrasa e vulnera (detesto esa Galicia apagada, anestesiada nas beiras dun poema triste do Sar, que algúns pretenderon e pretenden). O Mariló asegura que non hai terra como a nosa. E ponse a cantar por Pucho Boedo. E cáenlle as bágoas meixelas abaixo, emocionadas. O Bernardo comenta: «Eu considero que non hai nada máis fermoso». E o Juan Ramón, que regresou de Plasencia, non quere comparar Extremadura con Galicia porque Extremadura sempre sairía perdendo. Feliz 25 de xullo, miña terra.