O cancro, máis alá da enfermidade
OPINIÓN
Cando falamos de cancro, pensamos no diagnóstico, na cirurxía e nos tratamentos tanto convencionais como de fronteira. Pero o recente informe global sobre o cancro feito pola OMS e a Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro lémbranos algo que ás veces esquecemos: o cancro é tamén un problema persoal, laboral e económico. Comeza cunhas células que medran cando non deben, mais, desde o diagnóstico, entra na vida cotiá e reorganízao case todo: os horarios, o traballo, os ingresos, os proxectos familiares, as relacións persoais e mesmo o xeito de ollar ao futuro.
O cancro nunca o padece só unha persoa. Padéceo tamén quen a acompaña ás consultas, agarda os resultados, reorganiza a súa xornada, coida pola noite ou intenta manter unha normalidade que xa non existe. A ansiedade, a incerteza ou o illamento poden prolongarse máis alá do tratamento. O mesmo ocorre coa fatiga, a dor ou outras secuelas. E a incertidume sobre posibles recaídas pode acompañar durante anos.
A esta carga humana súmase outra que moitas veces pasa invisible ata que se sofre: a económica. Mesmo cun sistema sanitario público existen gastos e perdas derivados dos desprazamentos, dos coidados, das baixas laborais, da redución da xornada ou da necesidade de apoio adicional no fogar. A Asociación Española Contra o Cancro leva tempo alertando desta «toxicidade financeira». Un estudo previo do seu Observatorio estimou que o 41% dos fogares entrevistados realizou un esforzo económico superior aos 10.000 euros ao incorporar os gastos e os coidados derivados da enfermidade. Un informe máis recente estimou que, en 2023, arredor de 28.500 persoas en idade laboral e en risco de pobreza ou exclusión social recibiron un diagnóstico de cancro. O tratamento pode estar cuberto e, aínda así, a enfermidade poñer en risco a estabilidade dun fogar. Por iso, a calidade dun sistema sanitario mídese pola súa capacidade para diagnosticar cedo, tratar ben, reducir o sufrimento evitable, acompañar durante o proceso e protexer as persoas fronte ao empobrecemento. Falar de cancro non pode limitarse á supervivencia. Temos que falar de calidade de vida, rehabilitación, apoio psicolóxico, reincorporación laboral, protección social e dignidade. Quen traballamos na investigación oncolóxica temos unha responsabilidade. Debemos seguir estudando as alteracións xenéticas, os mecanismos de resistencia e as vulnerabilidades dos tumores, pero o coñecemento cobra todo o seu sentido cando se traduce en beneficios reais: previr mellor, diagnosticar antes, curar máis, tratar con menos toxicidade e reducir as secuelas. O problema do cancro é moito máis que ter a enfermidade. É unha sacudida que alcanza o corpo, a mente, a familia, o traballo e o futuro. Necesitamos ciencia, pero tamén humanidade. Non sempre podemos curar, pero sempre debemos coidar e acompañar.