Unha oportunidade

OPINIÓN

Estudantes e profesores da Universidade posaron cunha morea de razóns para falar galego.
Estudantes e profesores da Universidade posaron cunha morea de razóns para falar galego. ramón leiro< / span>

En termos cuantitativos o uso do galego mingua. Velaí os datos do Instituto Galego de Estatística e os estudos da Real Academia Galega, que temos comentado varias veces. En vinte anos, dende a aprobación do primeiro Plan de Normalización, ata os nosos días o uso do idioma diminuíu porcentualmente dende o 43 % no ano 2003 ao 24 % do ano 2023 (poboación que sempre emprega a lingua). Porque diminuíu tamén a poboación, sobre todo no rural e a de máis idade. Porque aumentaron os inmigrantes (aínda que non tanto como para xustificar a merma). Porque os hábitos de consumo mudaron. Porque mudou a tecnoloxía do ocio e a comunicación. Porque nalgún momento rompeu a transmisión xeracional do idioma, quizais o fenómeno máis grave de todos…

Hai outra maneira de ollar esta realidade. Igual que cuantitativamente a lingua mingua, cualitativamente (prestixio, ámbitos da cultura, produción artística e intelectual, premios internacionais, espazos públicos de ocio, clubs deportivos) paseniñamente o idioma vai ocupando espazos ata hai pouco non imaxinados. Esta realidade tamén existe. Sen ser triunfalista, porque non hai razóns para iso, o galego ten hoxe unha consideración que non tiña hai trinta anos.

Por iso é tan importante un paso decidido cara adiante. Temos unha oportunidade, empatando coas novas xeracións (que son moito máis sensibles do que parece), avivando iniciativas na empresa, no deporte, na investigación, no ocio… Na familia, na escola e no entretemento (o recreo dos rapaces, o asociacionismo deportivo, a descuberta da natureza, os campamentos, as excursións) están as primeiras raíces. Só unha cousa me preocupa: a incapacidade para poder establecer pactos, liñas de actuación concertadas nas que se comprometan todos e todos cedan un pouco para gañar moito, empezando polas formacións políticas que nos representan no Parlamento. Pode parecer unha inxenuidade, mais resulta moi difícil de entender que nunha cuestión tan transcendental non poidamos atopar un espazo de diálogo e mesmo de consenso.