Lugo observa con vergoña como se escribe a historia máis negra da nosa democracia. Unha moción de censura que nace marcada por unha fonda falta de lexitimidade ética e moral, porque non todo o que é legal pode considerarse xusto nin compatible cos principios dunha democracia que debe respectarse a si mesma.
O que estamos a vivir non responde a un contraste honesto de modelos de cidade nin á construción dunha alternativa sólida, senón a unha manobra política sustentada no transfuguismo, unha práctica que distorsiona a vontade expresada nas urnas e que rompe o equilibrio que a cidadanía decidiu libremente, un equilibrio que reflectía a pluralidade e a convivencia política de Lugo.
A gravidade desta situación increméntase polo contexto no que se produce, xa que esta operación constrúese sobre a ausencia e a dor, execútase a través da traizón e xustifícase cunha mentira. Candia necesitou tres mortes, unha tránsfuga e negar a evidencia para acadar o poder que a vontade popular lle negou.
Escoitamos estes días que Lugo non funciona, que a cidade está paralizada, mais esa afirmación non resiste o contraste coa realidade. Neste anos medramos exponencialmente en actividade económica, melloramos a nosa calidade de vida, puxemos en valor o noso patrimonio histórico. O fito de superar os 100.000 habitantes, consolídanos como claro referente da Galicia interior. Somos o motor económico, social e cultural que a provincia reclamaba.
Negar estes feitos non é unha cuestión de interpretación política, senón unha estratexia baseada na distorsión da realidade para xustificar unha escura manobra, o que nos leva inevitablemente a preguntarnos quen gaña con esta operación e a que intereses responde realmente.
Porque mentres algúns obteñen poder inmediato, Lugo perde estabilidade, perde confianza e ve como se debilita o vínculo entre a cidadanía e as súas institucións, abrindo unha fenda que levará tempo pechar e que non debería terse producido nunca.
Pero eu creo na miña cidade, coñezo á súa xente, e por iso estou seguro de que o acontecido terá unha condena social sen precedentes nas urnas. O futuro de Lugo non o escriben as que intentan torcer a vontade popular, senón a veciñanza. Fronte á manipulación, responderemos con verdade. Fronte á deslealdade, con compromiso. E fronte a este golpe á democracia, con máis participación, máis unidade e máis forza ca nunca.