Cruxeiras, Feixoo: a restitución dos apelidos galegos
OPINIÓN
Desde hai algún tempo, diversas institucións e entidades están a promover a restitución dos apelidos galegos. Tales accións veñen dadas pola constatación da existencia de certo número de apelidos deformados ao longo da historia polo influxo do castelán: nos meus cálculos, un 27 %. Os autores do Dicionario de apelidos galegos (de próxima publicación) constatamos moitas veces como ás persoas lles cambiaron o apelido na documentación: Outeiro pasa a Otero, Romeu a Romero, Lousada a Losada, e así moitos. Nestes casos adoita haber unanimidade no que respecta á forma galega correcta, mais non ocorre o mesmo cos que encabezan este artigo.
Na Idade Media utilizábanse as letras «j» diante da todas as vogais, e «g» diante de «e» /«i» para representar un son diferente do que hoxe escribimos con «x», equivalente ao que aínda hoxe pronuncian en portugués; na evolución do galego estes dous converxeron nun só, que na grafía moderna se escribe con «x». Isto é, para o galego é antieconómico utilizar tres grafías distintas («j»/ «g» / «x») para o mesmo son, e por iso, cando se retoma a escrita do galego no século XIX, houbo consenso na elección desta letra para o son que pronunciamos igual en peixe, xogar ou xente. En portugués ou catalán si ten sentido escribir peixe/jogar/gente.
Os apelidos que hoxe figuran maioritariamente nos censos como Crujeiras e Feijoo non continúan a grafía histórica do galego, se entendemos como tal a grafía utilizada ao longo dos séculos no noso idioma. E isto por diversas razóns, entre elas a eliminación do galego na documentación escrita a partir do século XVI. Daquela, o único rastro da lingua galega nos textos administrativos foron os topónimos e os apelidos, que pasaron a escribirse sufrindo todas as peripecias ortográficas do castelán (que tamén as tivo). Así, o apelido Cruxeiras vémolo escrito de moitas maneiras ao longo dos tempos: Domingo Eanes das Curugeyras 1400, Joán das Curugeiras 1445, Durana das Curujeiras 1568, Juan Pérez de Curuxeiras 1571…; da mesma maneira có apelido Feixoo: Fernán Feigoo 1335, Johán Pérez Feyjoo 1348, Roy Feijoo 1437, licenciado Feijó / Feijoo 1602, Marcos Feijoo / Feixoo 1618, don Paio Feixoo de Noboa, 1702, don Francisco Feixó 1764 …
Por tanto, non se pode falar de continuidade nas grafías. Deuse unha certa uniformización despois de 1875, trala creación do Rexistro Civil español. Nese momento, como lle aconteceu a moitos outros apelidos, Curuxeiras/Curugeiras/Curujeyras etcétera pasaron a representarse de forma unificada, sempre coa ortografía do castelán. Por iso, ao escribir Crujeiras e Feijoo pronúncianse co mesmo son ca no español, e así o escoitamos nos medios de comunicación. E é especialmente rechamante cando os apelidos proceden de topónimos: asistimos ao paradoxo de que o nome de lugar ten como forma estándar Cruxeiras, distinta da do apelido. A única forma de restituílos á súa pronuncia xenuína é usando a ortografía do galego.
Animamos desde aquí a todos os portadores destes apelidos a que coñezan a historia verdadeira da transmisión dos seus nomes de familia: poden atopar información na Universidade de Santiago de Compostela (https://www.usc.gal/gl/servizos/area/normalizacion-linguistica/restaura-apelido) e na páxina da Real Academia Galega (https://academia.gal/apelidos/contido).
Os apelidos forman parte da nosa historia persoal, da nosa familia e asemade do noso pobo. Coidar ese legado e trasmitilo é a nosa responsabilidade e, tamén, o noso xeito de contribuír a el.