Vella pulsión inquisitorial

Sandra Mª Piñeiro Vilas PRESIDENTA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DE LUGO

OPINIÓN

Manifestación a favor del aborto en Madrid, en septiembre del año pasado.
Manifestación a favor del aborto en Madrid, en septiembre del año pasado. VICTOR LERENA | EFE

18 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A apelación á desobediencia fronte ás leis que contradigan o denominado dereito natural non é nova na historia do pensamento xurídico. Cada vez que reaparece revive un debate clásico da filosofía do dereito: a tensión entre a lexitimidade democrática das leis e a invocación dunha orde moral superior.

A historia xurídica mostra que o dereito natural foi utilizado tanto para expandir dereitos coma para restrinxilos. Foi invocado para defender a dignidade humana fronte ás leis inxustas, pero tamén para opoñerse ao recoñecemento de dereitos civís ou sociais, ao posuír unha forza retórica e unha extraordinaria maleabilidade.

Este debate trasládame a unha vella clase de Filosofía do Dereito na que, con certa retranca, se citaba a Rudolf Stammler, lembrando que, en determinadas épocas —na Europa de entreguerras e na España sometida ao franquismo—, os iusnaturalistas adoitan aparecer do lado do poder e os positivistas do lado das posicións liberais ou democráticas. O risco, cando o dereito natural se invoca sen procedemento nin control institucional, é que se eleve a moral privada a norma universal.

Se o dereito natural —ese oxímoro ontolóxico— é aquilo que cadaquén ou a súa propia comunidade interpretativa decide ad causam, quen se considera depositario desa verdade superior queda, na práctica, liberado das leis comúns. Os iniciados hermeneutas transfórmanse entón en princeps legibus solutus, por riba da lei ao obedecer unha norma máis alta.

Hans Kelsen ou Norberto Bobbio subliñaron que a historia das teorías do dereito natural é tamén a historia da súa pluralidade. Aínda que o dereito natural acaba coincidindo sospeitosamente coas conviccións morais de quen o invoca.

Este debate reapareceu no seo do Consello de Estado, cando o Pleno deliberou sobre o ditame relativo á proposta de introducir o aborto no artigo 43 da Constitución, vinculado á protección da saúde. A discusión produciuse nun contexto internacional marcado pola reforma constitucional francesa, que blindou a liberdade das mulleres para recorrer á interrupción voluntaria do embarazo, pola sentenza do Tribunal Supremo estadounidense Dobbs v. Jackson Women's Health Organization (2022), e as reflexións de países e institucións sobre a necesidade de reforzar a protección normativa dos dereitos reprodutivos. Organismos como Nacións Unidas ou o Consello de Europa insistiron en que o acceso ao aborto seguro forma parte das políticas de saúde e dos dereitos das mulleres.

Desde unha perspectiva filosófico-xurídica, o episodio do Consello de Estado ilustra a diferenza entre a lóxica democrática e a lóxica da desobediencia moral, que pretende situarse por riba dos procedementos.

O paradoxo é que a retórica da desobediencia vai dirixida a leis que non obrigan, como as relativas ao aborto, que recoñecen facultades que cadaquén pode exercer ou non, segundo as súas conviccións. Porque o conflito real non é coa lei, senón coa liberdade allea. Nun Estado de dereito, as leis non uniforman conciencias: permiten a convivencia de diferentes opcións vitais. Cando o dereito natural se usa como salvoconduto persoal, a desobediencia deixa de ser conciencia e convértese en vontade de dominio. Vella pulsión inquisitorial.