Hai cousas que soben á velocidade da luz. O prezo do combustible é unha delas. Basta unha ameaza, un bombardeo, unha nova escalada militar para que o marcador das gasolineiras cambie case de inmediato. Nas últimas semanas, coa guerra aberta entre EE.UU. e Irán, o litro disparouse arredor de corenta céntimos. Un golpe directo ao peto de todos. Ir traballar, levar os nenos ao colexio, facer a compra… todo se encarece. Moverse convértese nun luxo que cada vez pesa máis na economía das familias.
Entendo que os mercados reaccionen ás crises, pero hai algo que sempre chama a atención. O cru que sobe hoxe non é o que está agora mesmo nos depósitos das estacións de servizo. Ese combustible xa foi comprado antes, a outro prezo. E, con todo, a subida aplícase desde o primeiro segundo, coma se a nova factura chegase de inmediato. A rapidez para subir nunca falla. O que xa non está tan claro é a rapidez para baixar.
Cando a tensión internacional desapareza, se desaparece, e cando a Casa Branca decida cambiar de rumbo nunha desas decisións que ás veces duran menos ca unha declaración pública, haberá que ver canto tarda en notarse nas gasolineiras. Baixará o prezo coa mesma velocidade coa que subiu? Ou entón explicaranos que ese cru máis barato aínda non chegou, que hai que esperar, que os mercados funcionan así? Esa paciencia só se pide cando toca baixar; para subir, nunca hai demora.