Este é un país que non ten xeito. Aquí, ou andamos a paus todo o día ou non acougamos. Faltou tempo para que na Real Academia Española, esta que, como o disiclín, limpa, fixa e dá esplendor, se inoculase o virus da discordia e aí teñen vostedes a parte de tan dignísima corporación poñendo verde a outra parte a conta, entre outras cousas, da dedicación profesional do director, que para os descontentos debera ser filólogo no canto de catedrático de Dereito Administrativo.
Aquí pensará cada quen o que lle pete; persoalmente tampouco creo que para degustar unha bo chuletón haxa que ser carniceiro. Pero, en calquera caso, coincidirá vostede comigo en que non resulta moi edificante que unha nobre e venerable institución ande dando tres cartos ao pregoeiro cando, ben en troques, debera ser faro metropolitano da unidade e cohesión dunha lingua falada por máis de 600 millóns de almas.
Outro dos motivos destas leas é, polo visto, o distinto tratamento e consideración que uns e outros académicos dan ao invento denominado linguaxe inclusiva, que todo político en exercicio do seu cargo practica escrupulosamente, non vaia ser o demo.
De por parte, na tenra idade na que me formei como filólogo eu, e todas as miñas compañeiras, aceptabamos o principio lingüístico da neutralización como verdade inconcusa, sen armar balbordo nin buscarlle tres pés ao gato. O alemán ten Vater para pai e Mutter para nai e, xa ve vostede que cousas, outra palabra diferente en xénero neutro, Eltern para o plural, que inclúe masculino e feminino. Será que os teutóns son máis feministas? Perdido, agás en romanés, o xénero neutro do latín, nas linguas romances a diferenza masculino-feminino dise que neutraliza en usos colectivos e no plural a prol do masculino.
Aceptarmos unha mecánica morfolóxica probablemente baseada na preeminencia histórica dunha sociedade patriarcal (non serei eu quen o discuta) non exclúe o feito de que, ao dicirmos os galegos ou boas tardes a todos, incluímos as mulleres. E, se agarimosamente, reclamo a atención de vostede, lector, haberá muller que realmente se senta ofendida?
Invocar a corrección política para forzar artificialmente a gramática é un exercicio estéril que conduce a propostas dificilmente asumibles pola lingua: as persoas autoras. Claro, non van ser cans (ou cadelas). O feminismo e a inclusión residen na pel non na maquillaxe.